Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web está en contra do peche de Aduaneiros sem Fronteiras

Este Blog é vozeiro virtual da Plataforma contra o Viaducto na Ria de Muros-Noia. Aquí poderes lêr as últimas novas relacionadas co noso traballo, accións da plataforma, recursos apresentados e toda clase de actividades que vaiamos fazendo em prol de umha ría sostível.

segunda-feira, outubro 02, 2006

MANIFESTACIÓN CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTES

O venres día 6 de outubro ás 12.00 horas está convocada unha manifestación en Santiago de Compostela, nas inmediacións dos edificios da Xunta de Galicia en San Caetano como mostra de rexeitamento ao proxecto do viaduto e da variante de Outes organizada polos seguintes colectivos:
-Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes
-Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
-Verdegaia
-Confederación Intersindical Galega (CIG)
-Terra de Outes
-Asociación en Favor do Bosque Caducifolio Galego e a súa Biodiversidade.

A manifestación ten como obxectivo que a Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes tome a decisión de valorar outras alternativas de maior interés público, máis económicas para o erario público, menos lesivas para o medio ambiente e en concreto para a ría e para o espazo natural protexido do esteiro do Tambre, declarado Lugar de Interese Comunitario pola Unión Europea e Zona de especial protección dos valores naturais pola Xunta de Galicia, debido á gran riqueza ecolóxica e paisaxística que presenta, ameazada agora por unha variante que só implicaría un aforro de 3 minutos no tráfico entre Muros e Noia e que tamén presenta importantes eivas legais polo incumprimento rotundo da Lei de costas. Ademais implicaría un grave deterioro para os bancos marisqueiros por dúas vías: a remoción de lamas provocada pola instalación dos piares e a modificación das correntes.

- Falla de transparencia e irregularidades: a manifestación tamén solicita que se tomen medidas urxentes para solucionar as graves irregularidades deste proxecto, así, aínda non se expuso ao público o obrigado estudo de dinámica litoral, que é fundamental para coñecer a influencia da obra no medio mariño e do que a Dirección Xeral de Recursos Mariños fai unha demoledora crítica nun informe. Política Territorial oculta información aos cidadáns como proba o feito de que non contestan, por sistema, ás solicitudes de información que a Plataforma presentou, xa en novembro do pasado ano; tampouco cumpren á obriga de contestar aos recursos presentados (diversos colectivos presentaron en xaneiro recursos contra a declaración de utilidade pública e urxente ocupación e nunca recibiron resposta, a pesar de estar a Administración obrigada a contestar no prazo dun mes), a ocultación de información chega ao mesmo Valedor do Pobo quen até o de agora tivo que enviar xa tres requerimentos á Consellaría, que incumpre a obriga de enviarlle o expedente, feito este que, sendo moi grave en si mesmo, tamén denota que cando ocultan a información por algo será. Estes feitos están xa en coñecemento da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, mediante unha denuncia presentada recentemente pola Plataforma.

- A responsabilidade dos políticos: preguntámonos porque o Sr. Lage, deputado autonómico, decide publicar os informes negativos sobre o viaduto de Noia e ocultar deliberadamente os informes de Outes (no mesmo espazo natural protexido) e se nega a debatir en público para aclarar a súa postura. Ao alcalde de Outes solicitamos que diga por qué considera que o tema non é da suficiente importancia para Outes como para que non convoque un pleno extraordinario. Pola súa parte, Manuel González, concelleiro do BNG en Outes, posicionouse xa publicamente en contra desta obra, feito que valoramos positivamente, queremos darlle ánimos e desexarlle sorte para que agora González poida vencer os atrancos internos desta organización, e consiga que a súa posición en contra do viaduto de Ribademar sexa tamén a posición oficial e definida do BNG.

PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTES

1 Comentários:

Blogger oscar disse...

non entendo como un alcalde pode presentarse a unhas eleccions con fin de machacar os veciños de eiroa e taramancos, para ir a por eles

2:42 da tarde

 

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial