Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web está en contra do peche de Aduaneiros sem Fronteiras

Este Blog é vozeiro virtual da Plataforma contra o Viaducto na Ria de Muros-Noia. Aquí poderes lêr as últimas novas relacionadas co noso traballo, accións da plataforma, recursos apresentados e toda clase de actividades que vaiamos fazendo em prol de umha ría sostível.

terça-feira, fevereiro 21, 2006

Recurso de X. Mariño contra o viaducto:

Á EXCMA. CONSELLEIRA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES, SRA. DONA. MARÍA JOSÉ CARIDE LÓPEZ

JUAN JOSÉ MARIÑO REINO, maior de idade, como presidente da Asociación Cívico-Cultural “TERRA DE OUTES”, na súa representación e no seu propio nome, interpón RECURSO POTESTATIVO DE REPOSICIÓN

ACTO QUE SE IMPUGNA: Decreto 579/2005 de 15 de decembro polo que se declara en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado de mellora de trazado e capacidade da C-550 Cee-Tui, tramo Muros-Noia.Subtramo: Límite municipal de Muros con Serra de Outes-Noia.Clave Ac/03/006.01. (Diario Oficial de Galicia do 4 de xaneiro de 2.006)



FEITOS E CONSIDERACIÓNS LEGAIS:

FEITOS:

PRIMEIRO: O proxecto en cuestión afecta a unha zona cun alto valor ecolóxico: a Enseada de Langaño, incluída no Esteiro do Tambre, que forma parte da Rede Natura 2000, área protexida por decisión da Comisión Europea de 7 de decembro de 2004 (DOCE L387 de 29/12/2.004) en virtude da Directiva 92/43/CEE, de 21 de Maio de 1992, de conservación de hábitats e da fauna e flora silvestres e tamén incluído pola Xunta de Galiza no Decreto 72/2004 do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais.

SEGUNDO: O proxecto afectaría de xeito inexorábel aos bancos marisqueiros, pois estaría situado a menos de 1.000 metros dos mesmos, dado que o asentamento de cada un dos piares do viaduto que se pretende construír implica o levantamento dunha inxente cantidade incalculábel de toneladas de material areoso e fangoso que será arrastrado polas correntes e mareas. A este respecto, é necesario ter en conta que está publicado un informe preceptivo referido a un proxecto similar na localidade de Noia, pero con conclusións claramente extrapolábles á construción de viadutos en toda a ría, que relaciona estas obras cun dano severo e permanente nos bancos de marisco, ademais de incidir ese informe na protección que as zonas incluídas dentro da Rede Natura 2000 deberan ter. Di textualmente dito informe “Nos condicionamentos territoriais, consideran a ría como de aceptabilidade moi baixa, pois aínda que non sexa obxecto de planeamento urbanístico ten afeccións sobre a actividade do marisqueo. Nembargantes cómpre ter en conta que o Esteiro do Tambre está declarado como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais e integrado na Rede Galega de Espazos Protexidos. Segundo o estabelecido no artigo 2.2 do Decreto 72/2.004, do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais, a realización de actividades non previstas anteriormente e que poidan poñer en perigo os valores que xustifiquen a protección destes espazos, requerirán autorización previa da Consellaría de Medio Ambiente. Do mesmo xeito que os espazos terrestres, nos que o chan rústico de protección e de valores ecolóxicos e culturais son considerados como de acepatabilidade moi baixa, estes espazos deben contar coa mesma categoría.”

TERCEIRO: Este proxecto foi levado a cabo cun alto grao de opacidade e falla de transparencia pola Xunta de Galiza o que implicou un descoñecemento elevado do proxecto por parte do público e incluso do directamente afectado, que é o da poboación de Outes. Proba desta falla de información pública é o de que diversas asociacións solicitaron en numerosas ocasións a publicidade de diversos informes relacionados con esta obra, que por diferentes preceptos legais son preceptivos e vinculantes, sen que até a data se teñan publicado estes informes. Esta circunstancia supón unha clara vulneración dos principios de transparencia máis elementais esixibles ás administracións públicas, como o dereito de información ambiental, infrinxindo claramente algúns preceptos legais que garanten ese dereito, como o artigo 1 da Lei 38/1995 do 12 de decembro sobre o dereito de acceso á información en materia de medio ambiente.Especial gravidade reviste o feito de que en determinado momento si se fixeron públic os os informes correspondentes relativos ao proxecto similar de Noia; alarmante demostración da discrecionalidade con que a Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes publica información e selecciona, tamén discrecionalmente, aos cidadáns elixidos que poden ter acceso á mesma. Tampouco se deu a oportuna publicidade a un acto tan decisivo como o de aprobación do trazado do proxecto citado, que permitise o oportuno recurso, así, dita aprobación, aparece só citada pola vía de feito no acto que se impugna, creando por tanto indefensión.

CUARTO: O proxectado viaducto implica, por outra parte, unha agresión ixustificable sobre unha enseada duns 6 km2 aberta polo sur á ría de Noia e delimitada por elevacións naturais como o Alta da Vaqueira, Outeiro de S. Cosme, Alto da Raña e unha das maiores estribacións montañosas das cordilleiras costeiras, tal cal é o Monte Tremuzo, que confiren a este espacio natural unha beleza paisaxística de indudable atractivo sobre o que se quere asentar o futuro do turismo non só do concello de Outes, senón de de toda a comarca, motor económico do futuro máis próximo. Intervención destructiva que contravén, só para aforrar tres ou catro minutos escasos no desplazamento dos veículos, as directrices do Ministerio de Madio Ambiente que pretenden preservar de cemento e formigón as áreas costeiras ata agora non contaminadas, como é este caso e sobre a que o propio concello de Outes delimitou no pasado dous miradores (Albeida e Tremuzo) e na actualidade un paseo marítimo que enlazará co fluvial trazado sobre a desembocadura do río Tins, cuxas augas doces se misturan coas salgadas nesta enseada conformando un espacio de gran riqueza ambiental.

QUINTO: O proxecto da “Variante de Outes” , ademais, constitúe unha agresión brutal sobre un espacio xeográfico de gran valor patrimonial, por canto posúe nas súas proximidades tres castros (Coiradas, Pedregal e Brión), outro posible en Zarzón, unha mámoa (a Arca Aberta de Outeiro), unha capela con esculturas medievais (S. Martiño de Rates), unha igrexa do s. XVIII (a de S. Cosme), varios cruceiros, alghúns de tanta antigüidade como o do Souto e os dez muíños tradicionais catalogados (un deles aínda en funcionamento) que se dispoñen no treito do río Bendimónn sobre o que se trazarou a estrada que debe enlazar o viaducto de Langaño coa estrada de Outes a Muros

SEXTO: Este proxecto non forma parte dun plan comarcal elaborado de infraestruturas, senón que se trata dunha actuación illada, que non garda relación con ningunha planificación racional da comunicación da Comarca de Noia e da Comarca de Muros.

SÉTIMO: Existe o precedente da decisión da paralización do proxecto previsto da “Variante de Noia”, por parte da Consellaría de Política Territorial e Obras Públicas que estaba aínda nunha situación administrativa máis avanzada que o da “Variante de Outes”, xa que a Declaración de utilidade pública e urxente ocupación dos terreos afectados fora publicada con data 29 de xuño do 2.005, alegándose para esta interrupción por parte da Consellaría de Política Territorial e Obras Públicas motivos de impacto ambiental. Resultaría pois totalmente incongruente e manifestamente contraditorio que a “Variante de Outes”, non fose paralizada , habida conta de que o impacto ambiental sería manifestamente maior que no caso de Noia e a xustificación, dende o punto de vista do tráfico sería moito menor dado que a densidade do mesmo no caso de Outes é moito menor, á parte doutras consideracións que se poderían obter de manterse esa decisión incoherente, pois poría de manifesto a indefensión que sofren determinadas zonas do noso territorio como consecuencia da súa falla de vertebración social manifestada nun maior ruralismo, avellentamento poboacional, altos índices de emigración e outros indicadores; e isto tamén revelaría unha decisión manifestamente inxusta e claramente inconsistente e incluso denotaría que esa medida non obedece a unha política de creación de infraestruturas con fins públicos senón que esta se limitaría a un conxunto de proxectos con fins descoñecidos e só realizábeis alí onde a resposta social é feble e porén incapaz de ofrecer decidida oposición á máis que previsible presión urbanística que seguirá a unha infraestructura deste tipo en pleno litoral atlántico.



CONSIDERACIÓNS LEGAIS:

PRIMEIRA: A Xunta de Galiza incumpliría a normativa europea de medio ambiente ao realizar o proxecto dun viaduto que atravesará o Esteiro do Tambre, declarado Lugar de Importancia Comunitaria (L.I.C.), por Decisión da Comisión Europea do 7 de decembro de 2004 (DOCE L387 de 29/12/2004) en virtude da Directiva 92/43/CEE, do 21 de Maio de 1992, de conservación de hábitats e da fauna e flora silvestres. De realizarse o viaduto sobre a enseada de Langaño, o dano ó esteiro do Tambre será irreversíble.

SEGUNDA: Ademais, incumpriría a Directiva 85/337/CEE, do Consello de 27 de xuño de 1985, modificada pola Directiva 97/11/CE do Consello, de 3 de marzo de 1997, relativa á Avaliación das Repercusións de determinados Proxectos Públicos e Privados sobre o Medio Ambiente, pois no momento do período de información pública non se contaba con información esencial e determinante para a valoración do proxecto, que na actualidade aínda segue oculta, a pesar de ter sido obxecto de solicitude: Informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Informe da Dirección Xeral de Recursos Mariños da Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos. Informe da Dirección Xeral de Patrimonio da Consellaría de Cultura e Deporte, Informe do organismo autónomo Augas de Galicia da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, Informe do Concello de Outes, Informe da Dirección General de Costas do Ministerio de Medio Ambiente entre outros.

TERCEIRA: O exposto no punto segundo implica simultaneamente o incumprimento da normativa que regula o acceso á información ambiental, en especial do artigo 1 da Lei 38/1995 do 12 de decembro sobre o dereito de acceso á información en materia de medio ambiente, que estabelece que “todas as persoas, físicas ou xurídicas, nacionais dun dos Estados que integran o Espazo Económico Europeo ou que teñan o seu domicilio nun deles, teñen dereito a acceder á información ambiental que estea en poder das Administracións públicas competentes, sen obriga de acreditar un interese determinado e con garantía, en todo caso, de confidencialidade sobre a súa identidade”

CUARTA: Tamén se incumpre o artigo 44 da Lei 22/1998 de 28 de xullo, de costas, que estabelece que cando un proxecto conteña a previsión de actuacións no mar ou na zona marítimo-terrestre, deberá comprender un estudo da dinámica mariña referido á unidade fisiográfica correspondente e dos efectos das actuacións previstas. Deberíase incluír un estudo cos distintos modelos de deseño de ponte e vir acompañados de todos os apartados estabelecidos no artigo 92 do Real Decreto 1471/1989, do 1 de decembro, polo que se aproba o regulamento xeral para o desenvolvemento e execución da Lei 22/1.998 de 28 de xullo.

QUINTA: No Decreto 579/2005 de 15 de decembro polo que se declara en concreto, a utilidade pública e se dispón a urxente ocupación dos bens e dereitos afectados polo proxecto de trazado de mellora de trazado e capacidade da C-550 Cee-Tui, tramo Muros-Noia.Subtramo: Límite municipal de Muros con Serra de Outes-Noia.Clave A3/03/006.01. (Diario Oficial de Galicia do 4 de xaneiro de 2006), dise que “Con data do 11 de outubro de 2.005 o Director Xeral de Obras Públicas, por delegación da Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes aprobou o proxecto de trazado, mellora de trazado e capacidade da C-550 Cee-Tui. Tramo Muros-Noia. Subtramo: límite municipal de Muros con Serra de Outes-Noia. Clave Ac/03/006.01. Este acto careceu da oportuna publicidade que puidese permitir o oportuno recurso, causando por tanto indefensión ao darse por realizado pola simple vía de feito ou prescindindo total e absolutamente do procedemento legalmente estabelecido e sendo por tanto nulo de p leno dereito e en consecuencia sendo nulo tamén o acto derivado do mesmo que é o Decreto que se impugna, xa que se vulnerou o dereito de presentar recurso contra ese acto, estabelecido no artigo 107.1 da Lei 30/1992 do 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común “Contra as resolucións e os actos de trámite, se estes últimos deciden directa ou indirectamente o fondo do asunto, determinan a imposibilidade de continuar o procedemento, producen indefensión ou prexuízo irreparábel a dereitos e intereses lexítimos, poderán interpoñerse polos interesados os recursos de alzada e potestativo de reposición, que caberá fundar en calquera dos motivos de nulidade ou anulabiliade previstos nos artigos 62 e 63 desta Lei”.

ASINADO:

JUAN JOSÉ MARIÑO REINO

OUTES, 2 DE FEBREIRO DE 2006

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial