Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web está en contra do peche de Aduaneiros sem Fronteiras

Este Blog é vozeiro virtual da Plataforma contra o Viaducto na Ria de Muros-Noia. Aquí poderes lêr as últimas novas relacionadas co noso traballo, accións da plataforma, recursos apresentados e toda clase de actividades que vaiamos fazendo em prol de umha ría sostível.

sexta-feira, julho 14, 2006

A XUNTA OCULTA INFORMACIÓN AO VALEDOR DO POBO SOBRE A VARIANTE DE OUTES .

A Consellaría de Política Territorial Obras Públicas e Transportes está ocultando ao Valedor do Pobo os informes sobre a Variante de Outes, o que se demostra obxectivamente en base aos seguintes feitos:
1) O día 20 de abril do 2.006 a Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes presenta un escrito de queixa ante o Valedor do Pobo sobre as consecuencias negativas deste proxecto e sobre a falla de transparencia con que a Consellaría leva a cabo o mesmo.
2) O día 8 de maio do 2.006 o Valedor do Pobo admite a trámite a citada queixa e así o comunica á Plataforma, nesa comunicación dise textualmente “…coa data de hoxe iniciamos as accións oportunas ante a Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e a Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Axiña que recibamos os preceptivos informes que estas Consellarías teñen que remitirnos, poñerémonos de novo en contacto con vostede”
3) Ante a falla de resolución sobre a queixa o Valedor do Pobo comunícanos que a Consellaría de Política Territorial Obras Públicas e Transportes non remitiu até o de agora os informes sobre a Variante de Outes.
4) O prazo máximo, estabelecido no artigo 22 da Lei 6/1984 de 5 de xuño do Valedor do Pobo para remitir a información requerida polo Valedor é de 15 días (salvo que o Valedor estabeleza un prazo maior, pero non é o caso) e pasaron xa máis de dous meses. Ante isto o Valedor infórmanos de que adoptará as medidas oportunas.
Para a Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes este acto da Consellaría é unha mostra máis do interese que existe en ocultar a verdade sobre este proxecto especulativo que apenas aporta beneficios para o interese público, pero que ten unhas consecuencias destrutivas evidentes, sobre todo a nivel medioambiental. Queda demostrado que a actitude da Consellaría é propia dunha “república bananeira”, chegando incluso ao extremo de dificultar deliberadamente as investigacións do Valedor do Pobo.
Denunciamos tamén a hipocrisía dos partidos políticos. O Deputado autonómico Sr. Lage (PSOE) publicou un informe sobre as consecuencias destrutivas sobre o viaduto de Noia, pero ocultou deliberadamente os informes negativos sobre o viaduto de Outes. O Alcalde de Outes (P.P.) non quixo convocar un Pleno sobre un asunto de tanta importancia para o Concello que goberna, tratando de ocultar o debate aos cidadáns, considerando que estes non teñen dereito á información, nun claro exemplo de falla de talante demócrata. O BNG continúa co seu xogo hipócrita e de dobre moral, así, solicitaron a paralización cautelar do proxecto até a publicación dos informes, pero cando os informes negativos foron publicados miraron para outro lado e incluso aprobaron o proxecto no Consello da Xunta; todo isto mentres na súa liña de cinismo e de incoherencia tamén rexeitaban o proxecto do viaduto de Noia. Tamén hai que resaltar que ningún dos tres grupos políticos con representación se atreveu a comparecer no debate público organizado recentemente.Tamén queda demostrada a gran incoherencia hipócrita do goberno bipartito que en lugares coma Touriñán ou Corrubedo decide impedir proxectos de piscifactorías, pero pretende facer obras máis destrutivas e de menor beneficio público en lugares protexidos da Rede Natura 2.000, como a variante de Outes destruíndo o esteiro do Tambre.

A Plataforma quere lembrar :
- A negativa afección que a obra vai ter na calidade das augas e consecuentemente o risco fundado de prexuízo para os bancos marisqueiros, tal como afirma a Dirección Xeral dos Recursos Mariños.
- A destrución do esteiro do Tambre, espazo protexido na Rede Natura 2.000.
- A falla de transparencia con que este asunto se levou a cabo, ocultándose información de carácter esencial no período de información pública.
- Que a única contrapartida para o interese público sería un aforro de 3 minutos no traxecto entre Muros e Noia, pero cun elevado custo socioeconómico e ecolóxico.
- A ausencia dun plan de infraestruturas tan necesario nas comarcas de Muros e de Noia, sendo a variante unha “obra solta” que non obedece a ningún plan de comunicación.
- A gran incoherencia que supón que se anulase o viaduto de Noia e que non se paralise o de Outes cun impacto ambiental e paisaxístico moito maior e unha xustificación de desconxestión do tráfico moito menor en Outes que en Noia.
- A ausencia dun consenso social mínimo sobre esta obra, e incluso a grave conflitividade que provoca.
- A ilegalidade da obra polo incumprimento da Lei 22/1988 de Costas, tal como acredita a mesma Dirección General de Costas do Ministerio de Medio Ambiente.
- A marxinación á que se somete con esta obra á maior parte do Concello de Outes, porque non lle dá servizo de comunicación, e pasa a ser case un Concello interior.
- O viaduto sería un auténtico exemplo de feísmo na privilexiada paisaxe da Enseada de Langaño, ¿Con que lexitimidade vai esixir despois a mesma Consellaría aos particulares que non cometan feísmo no litoral?
- En definitiva a incompatibilidade desta obra co concepto de desenvolvemento sostíbel.

PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTES
12 DE XULLO DE 2006

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial