Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web está en contra do peche de Aduaneiros sem Fronteiras

Este Blog é vozeiro virtual da Plataforma contra o Viaducto na Ria de Muros-Noia. Aquí poderes lêr as últimas novas relacionadas co noso traballo, accións da plataforma, recursos apresentados e toda clase de actividades que vaiamos fazendo em prol de umha ría sostível.

quarta-feira, setembro 06, 2006

Denuncia da Plataform ante a Fiscalía de Medio Ambiente do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza.

Á FISCALÍA DE MEDIO AMBIENTE

TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALIZA

SANTIAGO DE COMPOSTELA

A Asociación PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTES e na súa representación (::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::)
Presenta a seguinte denuncia sobre o proxecto da Consellaría de Política Territorial , Obras Públicas e Transportes da Xunta de Galicia, denominado “Plan Galicia, estrada C-550 Cee-Tui. Tramo: Muros-Noia, subtramo: límite municipal de Muros con Outes-Noia (Clave: AC/03/006.01)” en base aos seguintes feitos e consideracións legais.

FEITOS:
PRIMEIRO: O 28 de novembro de 2.005 o asinante desta queixa presentou unha solicitude no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia dirixida á Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes no que se solicitan diversos informes, relacionados con este expedente: informe preceptivo da Dirección General de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, informe preceptivo da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, informe preceptivo da Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, informe citado na Resolución do 2 de maio de 2.005 (D.O.G. do 16 de maio do 2.005 da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 8 de abril de 2.005, relativa a este proxecto que di no Anexo II, “depois dunha análise dende o punto de vista técnico, urbanístico, ambiental, social e de patrimonio das diferentes alternativas escollidas...” sen que na data actual se teña recibido ningún tipo de contestación por parte da Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes”.
SEGUNDO: O 16 de novembro do 2.005 solicitouse a paralización cautelar do citado proxecto sen que se teña recibido contestación.
TERCEIRO: O 21 de novembro do 2.005 presentouse un recurso extraordinario de revisión sen que até a data actual se teña recibido contestación.
CUARTO: O 31 de xaneiro do 2.006 presentouse recurso potestativo de reposición sen que se teña recibido contestación.
QUINTO: Durante o período de exposición pública deste proxecto non se expuso ao público o obrigado estudo de dinámica litoral, elemento esencial para coñecer a influencia de calquera actuación no medio mariño, obrigado polo artigo 42.2 da Lei 22/1998 de 28 de xullo de costas e polo artigo 92 do Real Decreto 1471/1989 do 1 de decembro polo que se aproba o regulamento xeral para a execución da citada Lei. Ademais, a pesar de non contar co preceptivo informe favorábel da Dirección General de Costas a Consellaría continúa cos trámites deste proxecto.
SEXTO: A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA) remitiu á Plataforma Contra o Viaduto e á Variante de Outes tres informes , dous deles da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos que alertan sobre a afección aos bancos marisqueiros do proxecto e outro, que é copia do contido, da Dirección General de Costas do Ministerio de Medio Ambiente no que se detalla o incumprimento da Lei 22/1988 de Costas. (Adxúntase copia).
SÉTIMO: O 20 de abril de 2.006 presentouse ante o Valedor do Pobo unha queixa sobre este proxecto pola Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes; foi admitida a trámite con data 8 de maio de 2.006, nembargantes recibiuse unha comunicación do Valedor do Pobo de 14 de xullo de 2.006 que constata que a Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes non lle remite o expedente e o 14 de agosto de 2.006 recíbese unha nova comunicación na que o Valedor do Pobo pon de manifesto que a Consellaría persiste na súa actitude de non enviar os informes.
OITAVO: Expoñemos a continuación as razóns polas que a Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes realiza unha oposición a este proceso:
a) O proxecto en cuestión afecta a unha zona cun alto valor ecolóxico: o Esteiro do Tambre, incluído dentro da Rede Natura 2.000 pola Unión Europea por . Decisión da Comisión Europea de 7 de decembro de 2.004 (DOCE L387 de 29/12/2.004) en virtude da Directiva 92/43/CEE, de 21 de Maio de 1992, de conservación de hábitats e da fauna e flora silvestres e tamén incluído pola Xunta de Galiza no Decreto 72/2004 do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais. Este proxecto provocaría un grave impacto ambiental e paisaxístico e a destrución dun potencial turístico. A ocupación física do Esteiro polo viaduto e a contaminación acústica do tráfico producirán a inmediata expulsión tanto das aves migratorias como das nidificantes nesta zona, en especial das limícolas, por ser a zona ocupada a que presenta o hábitat máis axeitado para o seu desenvolvemento, ao tratarse dunha chaira de marea con pouca profundidade, seca na marea baixa, con gran concentración de nutrientes minerais aportados polo río, moi osixenada, etc., características que permiten un gran desenvolvemento da vexetación, soporte de toda a cadea trófica. Os espazos naturais protexidos que forman parte da Rede Natura, debidamente xestionados, son un dos factores importantes cara a potenciación do turismo. Non só non se aproveita esta circunstancia senón que se destrúe un hábitat que a propia administración propón conservar e se afea unha paisaxe que posúe unha fermosura indiscutíbel hipotecando así o futuro desenvolvemento turístico da Comarca.
O proxecto inclúe un viaduto duns 700 metros sobre a Enseada de Langaño tendo o conxunto da variante unha lonxitude total de 4.770 m.
b) O proxecto afectará aos bancos marisqueiros, pois estaría situado a menos de 1.000 metros dos mesmos, dado que o asentamento de cada un dos piares do viaduto que se pretende construír implica o levantamento dunha inxente cantidade incalculábel de toneladas de material areoso e de lama que será arrastrado polas correntes e mareas, ademais do efecto provocado pola modificación das correntes. Os bancos marisqueiros representan unha actividade económica fundamental, non só no Concello de Outes, senón en todos os concellos que rodean a Ría de Muros e Noia.
c) Este proxecto non forma parte dun plano comarcal elaborado de infraestruturas, senón que se trata dunha actuación illada, que non garda relación con ningunha planificación racional da comunicación da Comarca de Noia e da Comarca de Muros.
d) O proxecto da “Variante de Outes” só implica un aforro aproximado de 3 ou 4 minutos no tráfico entre Muros e Noia (cun aforro aproximado de 3 km), pero o seu custo socioeconómico e ecolóxico fai claramente desaconsellábel a execución desta obra por ser totalmente incompatíbel co desenvolvemento sostíbel, se o criterio utilizado é o do interese público. Neste punto é destacábel o elevado orzamento inicial da obra: arredor de 18 millóns de euros.
e) O proxecto da “Variante de Outes” é un auténtico exemplo de feísmo na privilexiada Enseada de Langaño, que o levaría a cabo a mesma Consellaría encargada de esixir aos particulares que non cometan feísmo. O impacto paisaxístico de calquera construción non só é un mal en si mesmo senón que o deterioro irreversíbel da paisaxe é negativo de cara á atracción do turismo.
f) Este proxecto non dá servizo á maior parte do territorio do Concello de Outes e incluso provoca un efecto de illamento convertíndoo en boa medida nun Concello interior. Os proxectos de infraestruturas deberan ser para a integración do territorio e a mellora das comunicacións e non para crear divisións que cando menos esquencen absolutamente á unha gran parte da poboación.
g) Existen alternativas a esta obra: unha estrada polo interior ( a coñecida como “carreteira da montaña”) sen danar a ría, evitaría todos os núcleos de poboación, non só na Serra de Outes, permitiría un trazado moito máis rectilíneo, e non só comunicaría Noia con Muros, senón que melloraría as comunicacións coas poboacións situadas máis aló de Muros (Lira, Carnota, Caldebarcos...). Ademais esta alternativa permitiría enlazar coa estrada da área metropolitana da Coruña, con Santiago, e coa Costa da Morte, mentres que o proxecto da Consellaría só suporía un cativo acurtamento da distancia entre Muros e Noia, mantendo o tránsito por poboacións coma Catasueiro, Siavo,O Freixo, Esteiro, Tal, Abelleira, Serres etc., lugares onde o tránsito está limitado a 50 Km/h, e onde, aínda a pesar das melloras que se están a realizar no firme, non son posíbeis os adiantamentos debido á densidade do tráfico, cruce de peóns, falla de visibilidade provocada polas inumerábeis curvas e cambios de rasante.
h) É unha manifesta incoherencia que a Xunta de Galicia decida modificar a Variante de Noia, evitando construír un viaduto sobre a ría alegando motivos de “impacto ambiental e paisaxístico” e se decida continuar co de Outes, no mesmo espazo protexido, a só cinco kilómetros de onde se pensaba construír o anterior, cun impacto paisaxístico claramente maior que no caso de Noia e cunha xustificación dende o punto de vista da desconxestión do tráfico moito menor en Outes que en Noia.
i) Quedou probado que o proxecto da “Variante de Outes” non acada un consenso social mínimo que calquera infraestrutura debera de ter, como se demostrou en concorridas protestas públicas organizadas pola Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación en Defensa do Bosque Caducifolio Galego e a súa Biodiversidade-Os Padriños do Artesanato, Confederación Intersindical Galega (CIG), Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes e Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes, ademais da actividade de recollida de sinaturas que a Plataforma está a realizar , con resultados que se expoñerán publicamente cando está conclúa.

CONSIDERACIÓNS LEGAIS:
PRIMEIRO: Segundo o artigo 49 da Lei 22/1988 de Costas, a utilización de terreos para a utilización de terreos de Dominio Público Marítimo Terrestre para a construción ou modificación dunha vía de transporte de titularidade da Comunidade Autónoma require a adscripción previa dos bens afectados á referida Comunidade Autónoma e a estes efectos debera seguirse o procedemento exposto na lei citada e no Regulamento Xeral para o seu desenvolvemento e execución.
SEGUNDO: Segundo o disposto no artigo 25 da vixente Lei 22/1988 de Costas, con carácter xeral están prohibidas na zona de servidume de protección entre outras actividades ou instalacións, a construción ou modificación de vías de transporte interurbano, se ben excepcionalmente e por razóns de utilidade pública debidamente acreditadas, o Consello de Ministros poderá autorizar a construción e modificación de ditas vías de transporte.
TERCEIRO: Non se expuso ao público o preceptivo estudo de dinámica litoral, elemento esencial para coñecer a influencia da obra no medio mariño, requerido polo artigo 42.2 da Lei 22/1988 de Costas.
CUARTO: Segundo o artigo 49.2 da Lei 22/1988 de Costas os proxectos das Comunidades Autónomas na zona do dominio público marítimo-terrestre deberán contar coa autorización da Administracion Xeral do Estado.
QUINTO: O proxecto en cuestión afecta a unha zona cun alto valor ecolóxico: o Esteiro do Tambre, incluído dentro da Rede Natura 2.000 pola Unión Europea por . Decisión da Comisión Europea de 7 de decembro de 2.004 (DOCE L387 de 29/12/2.004) en virtude da Directiva 92/43/CEE, de 21 de Maio de 1992, de conservación de hábitats e da fauna e flora silvestres e tamén incluído pola Xunta de Galiza no Decreto 72/2004 do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais.
SEXTO: Segundo o artigo 1 da Lei 38-1995 de 12 de decembro, sobre o dereito de acceso á información en materia de medio ambiente: todas as persoas, físicas ou xurídicas, nacionais dun dos Estados que integran o Espazo Económico Europeo ou que teñan o seu domicilio nun deles, teñen dereito a acceder á información ambiental que estea en poder das Administracións públicas competentes, sen obriga de acreditar un interese determinado e con garantía, en todo caso, de confidencialidade sobre a súa identidade. Ademais o artigo 4 estabelece un prazo de 2 meses para a resolución das solicitudes sobre información en materia de medio ambiente. A solicitude dirixida á Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes ten data de entrada do 28 de novembro de 2.005.
SÉTIMO: A Lei 6/1984 de 5 de xuño do Valedor do Pobo estabelece no artigo 26.1 a obriga dos poderes públicos de Galicia de colaborar co Valedor do Pobo e no 22.1 que o prazo máximo estabelecido para a remisión da información ao Valedor requerida aos poderes públicos é de 15 días. A queixa presentada pola Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes foi admitida a trámite con data 8 de maio, nembargantes recibiuse unha comunicación do Valedor do Pobo de 14 de xullo de 2.006 que constata que a Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes non lle remite o expedente e o 14 de agosto de 2.006 recíbese unha nova comunicación do Valedor do Pobo que pon de manifesto que a Consellaría persiste na súa actitude de non enviar os informes.
OITAVO: A Lei 30/1992 do 26 de novembro de Réxime Xurídico das Administracións Púlicas e do Procedemento Administrativo Común estabelece no artigo 42 a obriga de resolver. A Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes incumpre sistematicamente esta obriga en relación aos recursos e solicitudes presentados respecto a este proxecto.

Por todos estes feitos, a Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes solicita ao Fiscal de Medio Ambiente:
1) Que investigue este proxecto a fin de que se poidan aclarar as irregularidades expostas.
2) Que se adopten as medidas legais oportunas para a paralización cautelar do proxecto, sen prexuízo da rectificación definitiva solicitada no seguinte punto.
3) Que se adopten as medidas legais para a rectificación do proxecto e para o estudo doutras alternativas menos lesivas para o medio ambiente e para o interese público.
4) Que se investigue a falla de transparencia e a ocultación de información con que a Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes desenvolve este asunto e se tomen as medidas para que estas circunstancias se corrixan.
(::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::::)
PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTESSANTIAGO DE COMPOSTELA, 5 DE SETEMBRO 2.006

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial