Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web está en contra do peche de Aduaneiros sem Fronteiras

Este Blog é vozeiro virtual da Plataforma contra o Viaducto na Ria de Muros-Noia. Aquí poderes lêr as últimas novas relacionadas co noso traballo, accións da plataforma, recursos apresentados e toda clase de actividades que vaiamos fazendo em prol de umha ría sostível.

sábado, outubro 14, 2006

A PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTES ANUNCIA UN INCREMENTO DA MOBILIZACIÓN ANTE OS ABUSOS DA CONSELLARÍA DE OBRAS PÚBLICAS

CONTINÚAN AS IRREGULARIDADES E A OCULTACIÓN DE INFORMACIÓN
POSIBLE PARALIZACIÓN CAUTELAR DO PROXECTO

A Consellaría de Política Territorial Obras Públicas e Transportes, co servilismo do Concello de Outes, convocou aos propietarios de terreos afectados a un acto público para que entreguen as súas propiedades para a consumación da cacicada que teñen preparada. Ante isto a Plataforma advirte:

Pedimos a todos os veciños propietarios que non caian na trampa e non acudan a este acto, claramente ilegal, que só trata de facilitar a realización deste proxecto destrutivo promovido por un reducido grupo de políticos e de especuladores.
Esta convocatoria é unha táctica desesperada da Consellaría ante a ameaza de paralización do proxecto, posible froito das investigacións que tanto a Fiscalía como o Valedor do Pobo están a levar a cabo, pese a que a Consellaría tamén continúa ocultando información e na súa liña de “república bananeira” trata de enganar aos cidadáns e facer que mordan o cebo, para que asistan a esta convocatoria e entreguen as súas propiedades dificultando así a rectificación desta barbaridade ante a xa “cantada” paralización cautelar do proxecto.
Queda demostrada a actitude antidemócrata da Consellaría e do Concello de Outes que non saben dar nin o primeiro argumento a favor desta obra, e quedou tamén en evidencia o estremo esperpéntico da hipocrisía política co deputado autonómico Sr. Lage, quen publicou os informes negativos do viaduto de Noia, anunciou a súa paralización por supostos motivos de impacto ambiental e paisaxístico, pero ocultou deliberadamente os informes negativos do viaduto de Outes, prexudicando así aos seus veciños mentres se erixía en defensor doutros intereses (non presisamente públicos). Ademais, hai que lembrar que o Sr. Lage foi o único dos políticos que se negou a dialogar coa Plataforma cidadá e ante a súa falta total de argumentos se dedica a criticarnos nos medios de comunicación, pero cando nós non podemos rebatir, nunca á cara.
Ademais ante a cada vez maior mobilización social fronte esta atrocidade social e medioambiental a Plataforma incrementará nas vindeiras datas a súa actividade, tendo previstas diversas accións. Que conten con nós no vindeiro Pleno do Concello e tamén na Consellaría. Realizaremos actividades que poñan de manifesto o que supón este atentado: peches indefinidos, manifestacións, protestas nos lugares onde se pretende realizar ese acto fraudulento que convoca a Consellaría etc., dando así unha resposta contundente fronte á barbarie do poder.

NON AO VIADUTO NA NOSA RÍA-NON Á VARIANTE DE OUTES
Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes
Outes ,

Por qué o proxecto do viaduto e da variante é unha barbaridade?

A) O proxecto en cuestión afecta a unha zona cun alto valor ecolóxico: o Esteiro do Tambre, incluído dentro da Rede Natura 2.000 pola Unión Europea por . Decisión da Comisión Europea de 7 de decembro de 2.004 (DOCE L387 de 29/12/2.004) en virtude da Directiva 92/43/CEE, de 21 de Maio de 1992, de conservación de hábitats e da fauna e flora silvestres e tamén incluído pola Xunta de Galiza no Decreto 72/2004 do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais. Este proxecto provocaría un grave impacto ambiental e paisaxístico e a destrución dun potencial turístico. A ocupación física do Esteiro polo viaduto e a contaminación acústica do tráfico producirán a inmediata expulsión tanto das aves migratorias como das nidificantes nesta zona, en especial das limícolas, por ser a zona ocupada a que presenta o hábitat máis axeitado para o seu desenvolvemento, ao tratarse dunha chaira de marea con pouca profundidade, seca na marea baixa, con gran concentración de nutrientes minerais aportados polo río, moi osixenada, etc., características que permiten un gran desenvolvemento da vexetación, soporte de toda a cadea trófica. Os espazos naturais protexidos que forman parte da Rede Natura, debidamente xestionados, son un dos factores importantes cara a potenciación do turismo. Non só non se aproveita esta circunstancia senón que se destrúe un hábitat que a propia administración propón conservar e se afea unha paisaxe que posúe unha fermosura indiscutíbel hipotecando así o futuro desenvolvemento turístico da Comarca.
O proxecto inclúe un viaduto duns 700 metros sobre a Enseada de Langaño tendo o conxunto da variante unha lonxitude total de 4.770 m.

B) O proxecto afectará aos bancos marisqueiros, pois estaría situado a menos de 1.000 metros dos mesmos, dado que o asentamento de cada un dos piares do viaduto que se pretende construír implica o levantamento dunha inxente cantidade incalculábel de toneladas de material areoso e de lama que será arrastrado polas correntes e mareas, ademais do efecto provocado pola modificación das correntes. Os bancos marisqueiros representan unha actividade económica fundamental, non só no Concello de Outes, senón en todos os concellos que rodean a Ría de Muros e Noia.
C) Este proxecto non forma parte dun plano comarcal elaborado de infraestruturas, senón que se trata dunha actuación illada, que non garda relación con ningunha planificación racional da comunicación da Comarca de Noia e da Comarca de Muros.
D) O proxecto da “Variante de Outes” só implica un aforro aproximado de 3 ou 4 minutos no tráfico entre Muros e Noia (cun aforro aproximado de 3 km), pero o seu custo socioeconómico e ecolóxico fai claramente desaconsellábel a execución desta obra por ser totalmente incompatíbel co desenvolvemento sostíbel, se o criterio utilizado é o do interese público. Neste punto é destacábel o elevado orzamento inicial da obra: arredor de 18 millóns de euros.
E) O proxecto da “Variante de Outes” é un auténtico exemplo de feísmo na privilexiada Enseada de Langaño, que o levaría a cabo a mesma Consellaría encargada de esixir aos particulares que non cometan feísmo. O impacto paisaxístico de calquera construción non só é un mal en si mesmo senón que o deterioro irreversíbel da paisaxe é negativo de cara á atracción do turismo.
F) Este proxecto non dá servizo á maior parte do territorio do Concello de Outes e incluso provoca un efecto de illamento convertíndoo en boa medida nun Concello interior. Os proxectos de infraestruturas deberan ser para a integración do territorio e a mellora das comunicacións e non para crear divisións que cando menos esquencen absolutamente á unha gran parte da poboación.
G) Existen alternativas a esta obra: unha estrada polo interior ( a coñecida como “carreteira da montaña”) sen danar a ría, evitaría todos os núcleos de poboación, non só na Serra de Outes, permitiría un trazado moito máis rectilíneo, e non só comunicaría Noia con Muros, senón que melloraría as comunicacións coas poboacións situadas máis aló de Muros (Lira, Carnota, Caldebarcos...). Ademais esta alternativa permitiría enlazar coa estrada da área metropolitana da Coruña, con Santiago, e coa Costa da Morte, mentres que o proxecto da Consellaría só suporía un cativo acurtamento da distancia entre Muros e Noia, mantendo o tránsito por poboacións coma Catasueiro, Siavo,O Freixo, Esteiro, Tal, Abelleira, Serres etc., lugares onde o tránsito está limitado a 50 Km/h, e onde, aínda a pesar das melloras que se están a realizar no firme, non son posíbeis os adiantamentos debido á densidade do tráfico, cruce de peóns, falla de visibilidade provocada polas inumerábeis curvas e cambios de rasante.
H) É unha manifesta incoherencia que a Xunta de Galicia decida modificar a Variante de Noia, evitando construír un viaduto sobre a ría alegando motivos de “impacto ambiental e paisaxístico” e se decida continuar co de Outes, no mesmo espazo protexido, a só cinco kilómetros de onde se pensaba construír o anterior, cun impacto paisaxístico claramente maior que no caso de Noia e cunha xustificación dende o punto de vista da desconxestión do tráfico moito menor en Outes que en Noia.
I) Quedou probado que o proxecto da “Variante de Outes” non acada un consenso social mínimo que calquera infraestrutura debera ter, como se demostrou en concorridas protestas públicas organizadas pola Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación en Defensa do Bosque Caducifolio Galego e a súa Biodiversidade-Os Padriños do Artesanato, Confederación Intersindical Galega (CIG), Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes e Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes, ademais da actividade de recollida de sinaturas que a Plataforma está a realizar , con resultados que se expoñerán publicamente cando está conclúa.

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial