Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web está en contra do peche de Aduaneiros sem Fronteiras

Este Blog é vozeiro virtual da Plataforma contra o Viaducto na Ria de Muros-Noia. Aquí poderes lêr as últimas novas relacionadas co noso traballo, accións da plataforma, recursos apresentados e toda clase de actividades que vaiamos fazendo em prol de umha ría sostível.

quinta-feira, março 22, 2007

A PLATAFORMA VALORA POSITIVAMENTE O RESULTADO DA INVESTIGACIÓN DA FISCALÍA

A Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes valora moi positivamente o resultado desta investigación da Fiscalía, a pesar de que finalmente a Fiscalía decide non continuar co proceso penal ,nun complexo auto de máis de 5 folios, que demostra que cando menos o asunto a nivel penal non estaba tan claro. Os obxectivos pretendidos tras máis de 6 meses de investigación están conseguidos.

Esta denuncia obrigou a que a Xunta tivese que facer públicos determinados informes que levaba ocultando ao público dende hai máis de dous anos; tamén forzou esta investigación a que se cumprisen algúns requisitos a nivel legal que non se estaban cumprindo pola Consellería, como a solicitude do oportuno permiso ao Consello de Ministros que é posterior a esta denuncia (15-12-2.006) , o que, no peor dos casos, obrigará a un control moito máis exahustivo se finalmente se leva a cabo o proxecto. Tamén se impoñen máis medidas correctoras doutras Consellerías tras a denuncia en novos informes, o que dificulta a consumación esta cacicada . O mesmo Presidente da Xunta Sr. Pérez, dixo, en Muros, non en Outes: "A variante de Outes licitarase en Outubro" ( do 2.006), e estamos en marzo do 2.007. Tamén hai que lembrar que o feito de que a Fiscalía, non atope indicios directos de responsabilidade delictiva , non implica que o proxecto non sexa paralizado no proceso contencioso -administrativo. Todo segundo os cálculos da Plataforma.
A Fiscalía tamén considera na resolución a decisión de construír o viaduto como de discrecionalidade política, que "deben valorar os cidadáns", por iso lembramos que este proxecto supón unha agresión brutal ao espazo do esteiro do Tambre protexido na Rede Natura 2.000, un grave risco de afección aos bancos marisqueiros, un grave prexuízo á maior parte do Concello de Outes (que queda literalmente illado), e todo sen un interese público como contrapartida xa que só implica un aforro de 3 minutos no tráfico entre Muros e Noia e sen que se valoraran tan siquera outras alternativas mellores. Está claro que o móbil da variante é o interese privado e non o interese público como proba a gran contradición da Consellaría: decide suspender o proxecto de Noia no mesmo espazo protexido, a só 5 km, e pretende levar a cabo este de Outes cun impacto se cabe maior e unha utilidade pública insignificante.
A fraude bipartita: A Plataforma denuncia o continuismo deste Goberno bipartito respecto ao anterior Goberno autonómico en canto a política medioambiental e falta de transparencia (sen entrar noutros aspectos que trascenden ao obxecto social desta Plataforma). Non dicimos que sexan peores, simplemente dicimos que se cumpre o de que: "son todos iguais". A Plataforma continúa a súa loita e estuda novas accións, especialmente de cara aos vindeiros comicios municipais.
NON AO VIADUTO NA NOSA RÍA. NON Á VARIANTE DE OUTES
Plataforma Contra O Viaduto e a Variante de Outes
21-04-2.007

0 Comentários:

Enviar um comentário

Subscrever Enviar feedback [Atom]

<< Página inicial