Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web está en contra do peche de Aduaneiros sem Fronteiras

Este Blog é vozeiro virtual da Plataforma contra o Viaducto na Ria de Muros-Noia. Aquí poderes lêr as últimas novas relacionadas co noso traballo, accións da plataforma, recursos apresentados e toda clase de actividades que vaiamos fazendo em prol de umha ría sostível.

domingo, março 26, 2006

DESCUBERTO UN NOVO INFORME DE DECEMBRO DO 2.005 DA CONSELLARÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS QUE INSISTE NAS GRAVES DEFICIENCIAS DO PROXECTO DO VIADUTO

Tras a recente publicación dun informe da Consellaría de Pesca que a Xunta ocultaba dende xullo do ano 2.004, agora sae outro á luz, redactado ano e medio despois do primeiro (29-12-2005), que volve insistir nas carencias do proxecto da variante de Outes, deixando probado que no momento da exposición pública do proxecto non estaba realizado un estudo de dinámica litoral, elemento esencial para coñecer a influencia da ponte sobre o medio mariño. Este estudo é moi posterior, cando xa había meses que se pechara o prazo para presentar alegacións e por se isto fose pouco volve recibir unha demoledora crítica da Consellaría de Pesca neste informe que alerta sobre o gran risco de afección aos bancos marisqueiros, a indeterminación sobre as ameazas máis importantes do proxecto e incluso delata unha carencia fundamental do proxecto baseado no uso de pontonas: “Non está claro que o método de construción baseado no uso de pontonas vaia ser definitivo debido a que como indican no documento adxunto presenta diversas incertidumes debido ao pouco calado do lugar e a non posibilidade de predecir o comportamento da pontona no seu apoio e que segundo eles pode levar a situacións indeseables. Deberían detallar cales serían estas situacións indeseables así coma as implicacións que puidesen ter lugar, debido a isto cremos que deberían incluír un estudo detallado do uso das penínsulas artificiais que xa nomean a modo de alternativa desbotada”. Pero isto é só unha curiosa anécdota ante a crítica que se fai a este proxecto no informe adxunto. Ante estas circunstancias A Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes solicita a inmediata paralización deste plan en coherencia co acordado no viaduto de Noia, que foi anulado, e formula as seguintes cuestións aos diferentes grupos políticos:

Partido Popular: Necesitamos saber se o Alcalde de Outes continúa entendendo que non é necesario convocar un Pleno Extraordinario sobre a Variante de Outes, despois da publicación destes informes da Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos nos que se alerta da afección negativa aos bancos marisqueiros, recurso de gran importancia económica para Outes e se continúa tendo a mesma opinión sobre esta obra ou ten algo que rectificar ante as conclusións dos técnicos. A Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes quere lembrarlle ao Sr. López que ante estas circunstancias é mellor rectificar tarde que nunca, cando ademais unha gran parte da poboación cuestiona este proxecto.
PsdeG-PSOE: O Deputado autonómico e veciño de Outes Sr. D. Lage Tuñas, fixo público nun momento determinado os informes relativos ao viaduto de Noia. ¿Por que non fixo o mesmo cos informes de Outes sabendo que estes informes son preceptivos e vinculantes e que algúns xa estaban elaborados dende xullo do ano 2.004?. En todo caso, en coherencia coa actitude mantida en Noia, o Sr. Lage debera de instar canto antes á inmediata paralización do proxecto e á valoración doutra alternativa, xa que se o fundamento no caso de Noia foi a aparición de informes negativos, agora atopámonos con feitos idénticos en Outes. E agardamos tamén o mesmo comportamento do grupo municipal do PsdeG-PSOE, tendo en conta ademais que destacados militantes e simpatizantes socialistas de Outes participan na Plataforma dende os seus inicios.

BNG: O BNG de Outes solicitou publicamente a paralización cautelar do proxecto e a publicación dos informes, agora que algúns xa están publicados é de supoñer, por coherencia, que o BNG de Outes solicitará a paralización definitiva. Agardamos que o BNG poida actuar nesta ocasión con coherencia, sen atrancos de tipo externo ou interno.
Aseguramos, ademais, que a Consellaría de Política Territorial Obras Públicas e Transportes continúa ocultando información sobre esta obra, na súa liña de falla total de transparencia, como o informe da Dirección General de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, unha auténtica colección de ilegalidades que xa tivo entrada na Xunta o 3 de xuño do ano 2.004 e ao que até o de agora, só nos permitiron botar unha rápida visual e que agardamos poder facer público en breve.
PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTES
21 DE MARZO DO 2.006

sábado, março 18, 2006

REUNIÓN DA CONFRARÍA DE NOIA E A PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO DE OUTES.

Antecedentes: O día 6 de marzo de 2.006 é publicado un informe negativo da Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, que xa fora elaborado o 13 de xullo de 2.004 e que foi ocultado pola Xunta de Galiza, no que se alerta sobre a afección á calidade das augas que a instalación do viaduto provocaría na ría de Muros e Noia e ademais póñense de manifesto certas carencias que o proxecto presentaba como o obrigatorio Estudo de Dinámica Litoral que non foi elaborado cando é de obrigado cumprimento, isto é, cando o proxecto está a exposición pública para que se poidan facer as alegacións pertinentes, pois este estudo é esencial para coñecer a posíbel influencia negativa no medio mariño de calquera obra que lle afecte. A raíz destes feitos tan alarmantes, nos que quedou demostrada a ocultación de información por parte da Xunta de Galiza, a Plataforma Contra o Viaduto de Outes solicita unha entrevista urxente co Director Xeral de Estradas da CPTOPT e co Patrón Maior da Confraría de Noia para tratar de aclarar estas circunstancias.
1) O sábado día 11 de marzo tivo lugar unha reunión entre os representantes da Plataforma e o Patrón Maior da Confraría, D. Santiago Cruz na que se analiza conxuntamente a información publicada. O Patrón Maior, manifesta a súa preocupación por este proxecto e afirma que analizará con detalle eses informes e que se opoñerán á construción do viaduto se este afecta aos bancos marisqueiros.Tamén afirma que está pendente de recibir información que solicitou á Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos sobre esta obra, hai xa máis de dous meses, e que unha vez que a reciba pronunciarase oficialmente. A Plataforma, pola súa parte, trasládalle a súa posición sobre este proxecto no referente aos bancos marisqueiros, con base no informe publicado de Pesca e solicita que a Confraría teña moi en conta a falla de transparencia con que a Consellaría de Política Territorial actuou neste asunto.
2) O luns día 13 de marzo os membros da Plataforma tíñamos concertada unha cita co Director Xeral de Estradas, pero somos recibidos, unha hora máis tarde do previsto, primeiro por un Xefe de Servizo, a quen transmitimos que a cita era co Director Xeral, se ben non temos inconveniente en que el tamén estea presente complementariamente, pero non sustituíndo ao Director Xeral, logo comparece o Secretario Xeral da Consellaría, quen axiña alega unha gran falla de coñecemento sobre este asunto e chama ao Subdirector Xeral de Estradas, que é o que finalmente nos atende, porque tamén o Director Xeral, descoñece ao parecer os pormenores deste tema.
A Plataforma transmitiu a esixencia de paralización inmediata deste proxecto ante a publicación desta información que durante tanto tempo se ocultou, denunciando (moi resumidamente):
A afección que a obra vai ter na calidade das augas e consecuentemente o risco fundado de afección aos bancos marisqueiros, tal como afirma a Dirección Xeral dos Recursos Mariños.
A destrución do esteiro do Tambre, espazo protexido na Rede Natura 2.000.
A falla de transparencia con que este asunto se levou a cabo, ocultándose información de carácter esencial no período de información pública.
Que a única contrapartida para o interese público sería un aforro de 3 minutos no traxecto entre Muros e Noia, pero cun elevado custo socioeconómico e ecolóxico
A ausencia dun plan de infraestruturas tan necesario nas comarcas de Muros e de Noia, sendo a variante unha obra solta que non obedece a ningún plan de comunicación.
A gran incoherencia que supón que se paralizase o viaduto de Noia e que non se paralize o de Outes cun impacto ambiental e paisaxístico moito maior e unha xustificación de desconxestión do tráfico moito menor en Outes que en Noia.
A ausencia dun consenso social mínimo sobre esta obra, que só provoca división.
A ilegalidade da obra polo incumprimento da Lei 22/1988 de Costas.
A marxinación, con que se somete con esta obra á maior parte do Concello de Outes, porque non lle dá servizo de comunicación, e pasa a ser case un Concello interior.
O viaduto sería un auténtico exemplo de feísmo na privilexiada paisaxe da Enseada de Langaño, ¿Con que lexitimidade vai esixir despois a mesma Consellaría aos particulares que non cometan feísmo no litoral?.
11. En definitiva a incompatibilidade desta obra co concepto de desenvolvemento sustentábel.


PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO DE OUTES
15 DE MARZO DE 2.006

terça-feira, março 07, 2006

DESCUBERTOS POR UN XORNALISTA OS INFORMES QUE A XUNTA ESCONDÍA SOBRE A VARIANTE DE OUTES

A VARIANTE DE OUTES SERÍA UNHA OBRA ILEGAL, segundo detalla a Dirección General de Costas do Ministerio de Medio Ambiente.
O VIADUTO VAI AFECTAR Á CALIDADE DAS AUGAS E EN CONSECUENCIA TAMÉN PODERÍA AFECTAR AOS BANCOS MARISQUEIROS, segundo di a Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos.

Informe da Dirección General de Costas do Ministerio de Medio Ambiente:
“El informe presenta varios aspectos que sería deseable corregir antes de emitir el informe de esta Dirección General de Costas sobre el mismo. Uno de ellos es el Estudio de Dinámica Litoral...” ( Falta o obrigatorio Estudo de Dinámica Litoral).
“Según lo previsto en el artículo 49 de la Ley 22/1988 de Costas la utilización de terrenos de dominio público marítimo terrestre para la construcción o modificación de una vía de transporte de titularidad de la Comunidad Autónoma requiere la adscripción previa de los bienes afectados a la referida Comunidad Autónoma, a cuyos efectos deberá seguirse el procedimiento expuesto en la Ley citada y en el Reglamento General para desarrollo y ejecución de la misma”.
-“ A su vez, de acuerdo con lo dispuesto en el Título II de la vigente Ley 22/1988 de Costas, con carácter general están prohibidos en la zona de servidumbre de protección, entre otras actividades o instalaciones la cosntrucción o modificación de vías de transporte interurbano, si bien excepcionalmente y por razones de utilidad pública debidamente acreditadas, el Consejo de Ministros, podrá autorizar la construcción y modificación de estas vías de tranporte”

Informe da Dirección Xeral dos Recurso Mariños (Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos)
O informe cita algúns dos estudos que son necesarios segundo a Lei 22 /1988 de Costas e o Real Decreto 1471/1989 e logo di:
“Non existen estes estudos polo tanto, como non aportan estes estudos, que contrariamente ao afirmado neste proxecto, é o momento da súa presentación tanto por ser obrigatorios pola lexislación vixente como por ser determinantes para determinar o impacto sobre o medio mariño non podemos prever os efectos que a ponte vai ter sobre a dinámica mariña e os bancos marisqueiros existentes augas abaixo da actuación polo que non se pode facer pronunciamento sobre o mesmo”
“Non aportan un estudo da dinámica litoral como tal”
“En conversas co técnico da Ría de Muros e Noia afirma que en dita enseada non existe marisqueo, polo que a realización da ponte non vai afectar directamente aos recursos. Nembargantes, si vai afecta-la calidade das augas o que pode ocasionar afeccións aos recursos existentes, augas abaixo na ría de Noia”
“Na relación de impactos sobre augas superficiais e mariñas afirman que se pode producir unha elevación dos niveis de turbidez e sólidos disoltos nas augas e unha modificación do carácter granulométrico dos leitos e unha alteración dos mesmos como soporte de vida bentónica e zonas de freza. Ademais as operacións de hormigonado poden provocar a elevación dos niveis de PH que impliquen mortalidade á fauna piscícola. Califican o impacto, sen a adopicón de medidas correctoras como moderado. No apartado de medidas correctoras unicamente teñen en conta.....Non aportan ningunha medida correctora específica para a construción do viaduto”
Agora entendemos a razón pola que a Xunta de Galiza ocultaba esa información a pesar de que xa foi solicitada o 28 de novembro do ano pasado. O proxecto debe ser inmediatamente paralizado porque os informes son preceptivos e vinculantes. Esiximos que se fagan públicos inmediatamente para xeral coñecemento dalgúns dos efectos negativos que tería este proxecto, o que agora está demostrado oficialmente.
PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO DE OUTES
1 DE MARZO DE 2.006