Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web está en contra do peche de Aduaneiros sem Fronteiras

Este Blog é vozeiro virtual da Plataforma contra o Viaducto na Ria de Muros-Noia. Aquí poderes lêr as últimas novas relacionadas co noso traballo, accións da plataforma, recursos apresentados e toda clase de actividades que vaiamos fazendo em prol de umha ría sostível.

sexta-feira, novembro 24, 2006

A FISCALÍA DO TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA INVESTIGA O ASUNTO DA VARIANTE DE OUTES


A Fiscalía está procedendo á incoación de "DILIXENCIAS DE INVESTIGACIÓN PENAL" sobre o proxecto da variante de Outes tras admitir a trámite a denuncia presentada en setembro pola Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes, esta denuncia presenta dous aspectos básicos:

1) OCULTACIÓN DE INFORMACIÓN: A denuncia é o resultado de máis de dous anos de constantes irregularidades e ocultación de información por parte da Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, que nunca contestou ás numerosas solicitudes de información e aos recursos presentados pola Plataforma; facendo caso omiso incluso de diversos requerimentos do Valedor do Pobo, feito que xa foi obxecto de queixa por esta institución nas comunicacións que realizou á Plataforma. Tamén se denuncian as carencias do estudo de dinámica litoral, postas de manifesto pola Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, elemento fundamental para poder coñecer a influencia da obra no medio mariño e que nunca foi exposto ao público.
2) DENUNCIA SOBRE AS CONSECUENCIAS NEGATIVAS QUE A OBRA TERÍA,(moi resumidamente): impacto sobre o esteiro do Tambre (espazo protexido na Rede Natura 2.000), incoherencia da obra porque non obedece a un plan de infraestruturas e só suporía un aforro de 3 minutos no tráfico entre Muros e Noia, impacto sobre os bancos marisqueiros, elevado custo económico, non se valoraron outras alternativas de menor impacto e que mellorarían as comunicacións, non se demostrou o interese público da obra, incoherencia coa paralización do proxecto de Noia, incumprimento da Lei de Costas etc.

O decreto da Fiscalía ordea varios requerimentos ás Consellarías de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos e outros trámites como toma de declaracións. Trátase de investigar, segundo o decreto do Fiscal: "se os feitos se poden tipificar nos artigos 325, 326, 328 e 330 do Código Penal"
A Plataforma valora moi positivamente a apertura de dilixencias pola Fiscalía, agardando que teña un efecto preventivo co fin de que se decida paralizar definitivamente este erro histórico, e que a Consellaría se vexa na obriga de entregarlle ao Fiscal a información básica que en mútliples ocasións ocultou a toda á cidadanía e así se poida facer pública demostrando o grave impacto deste proxecto que non é de interese público. Tamén solicitamos aos políticos que expliquen as medidas que pensan adoptar ante esta situación que pode obrigar a unha rectificación do proxecto.

OUTES, 15 DE NOVEMBRO DE 2.006
PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTES