Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web está en contra do peche de Aduaneiros sem Fronteiras

Este Blog é vozeiro virtual da Plataforma contra o Viaducto na Ria de Muros-Noia. Aquí poderes lêr as últimas novas relacionadas co noso traballo, accións da plataforma, recursos apresentados e toda clase de actividades que vaiamos fazendo em prol de umha ría sostível.

sábado, maio 13, 2006

O Valedor do Pobo notifica a admisión a trámite da queixa presentada pola Plataforma

Transmitimos con fidelidade o contido íntegro da mesma. Tamén adxuntamos no arquivo adxunto a queixa presentada. A Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes valora moi positivamente este avance xa que as investigacións do Valedor contribuirán a achegar algo de luz sobre este asunto tan escuro e poderán implicar definitivamente a rectificación deste erro histórico.

Santiago de Compostela, 8 de maio de 2.006

Estimado Sr.:

Recibido nesta institución o seu escrito de queixa este deu lugar ao expediente co seu número arriba indicado.
Unha vez estudada a súa queixa, dámola por admitida ao entender que reúne os requisitos formais recollidos no artigo 18 da Lei do Valedor do Pobo, e que atopa, en principio, cobertura constitucional derivada do artigo 45 da Constitución.
En consecuencia, coa data de hoxe iniciamos as actuacións oportunas ante a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes e a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible. Axiña que recibamos os preceptivos informes que estas Consellerías teñen que remitirnos, poñerémonos de novo en contacto con vostede.
En calquera caso, informámoslle que a admisión a trámite da súa queixa non suspenderá en ningún caso os prazos previstos nas Leis para recorrer a resolución administrativa controvertida, tanto na vía administrativa como na xurisdicional.
Agradecéndolle a confianza que nos demostra, saúdao atentamente.
O Valedor do Pobo.

José Ramón Vázquez Sandes

quarta-feira, maio 03, 2006

QUEIXA ANTE O VALEDOR DO POVO

O VALEDOR DO POBO
A PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTES
e no seu nome e representación (::::::::::::::::::)
Os feitos que se expoñen relaciónanse co proxecto da Consellaría de Política Territorial , Obras Públicas e Transportes da Xunta de Galicia, denominado “Plan Galicia, mellora da estrada C-550 Cee-Tui. Tramo: Muros-Noia, subtramo: límite municipal de Muros con Outes-Noia (Clave: AC/03/006.01)”
PRIMEIRO: Con data do 28 de novembro de 2.005 o asinante desta queixa presentou unha solicitude no Rexistro Xeral da Xunta de Galicia dirixida á Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes no que se solicitan diversos informes, relacionados con este expedente: informe preceptivo da Dirección General de Costas do Ministerio de Medio Ambiente, informe preceptivo da Consellaría de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, informe preceptivo da Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos, informe citado na Resolución do 2 de maio de 2.005 (D.O.G. do 16 de maio do 2.005 da Dirección Xeral de Obras Públicas, pola que se fai pública a declaración de impacto ambiental formulada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental o 8 de abril de 2.005, relativa a este proxecto que di no Anexo II, “depois dunha análise dende o punto de vista técnico, urbanístico, ambiental, social e de patrimonio das diferentes alternativas escollidas...” sen que na data actual se teña recibido ningún tipo de contestación por parte da Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes”.
SEGUNDO: Con data do 16 de novembro do 2.005 solicitouse a paralización cautelar do citado proxecto sen que se teña recibido contestación.
TERCEIRO: O 21 de novembro do 2.005 presentouse un recurso extraordinario de revisión sen que até a data actual se teña recibido contestación
CUARTO: O 31 de xaneiro do 2.006 presentouse recurso potestativo de reposición sen que se teña recibido contestación.
QUINTO: Durante o período de exposición pública deste proxecto non se expuso ao público o obrigado estudo de dinámica litoral, elemento esencial para coñecer a influencia de calquera actuación no medio mariño, obrigado polo artigo 44 da Lei 22/1998 de 28 de xullo de costas e polo artigo 92 do Real Decreto 1471/1989 do 1 de decembro polo que se aproba o regulamento xeral para a execución da citada Lei. Ademais, a pesar de non contar co preceptivo informe favorábel da Dirección General de Costas a Consellaría continúa cos trámites deste proxecto.
SEXTO: Expoñemos a continuación as razóns polas que a Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes realiza unha oposición a este plano:
a) O proxecto en cuestión afecta a unha zona cun alto valor ecolóxico: o Esteiro do Tambre, incluído dentro da Rede Natura 2.000 pola Unión Europea por . Decisión da Comisión Europea de 7 de decembro de 2.004 (DOCE L387 de 29/12/2.004) en virtude da Directiva 92/43/CEE, de 21 de Maio de 1992, de conservación de hábitats e da fauna e flora silvestres e tamén incluído pola Xunta de Galiza no Decreto 72/2004 do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais. O proxecto inclúe un viaduto duns 700 metros sobre a Enseada de Langaño tendo o conxunto da variante unha lonxitude total de 4.770 m.
b) O proxecto afectará de xeito inexorábel aos bancos marisqueiros, pois estaría situado a menos de 1.000 metros dos mesmos, dado que o asentamento de cada un dos piares do viaduto que se pretende construír implica o levantamento dunha inxente cantidade incalculábel de toneladas de material areoso e de lama que será arrastrado polas correntes e mareas. Os bancos marisqueiros representan unha actividade económica fundamental, non só no Concello de Outes, senón en todos os concellos que rodean a Ría de Muros e Noia.
c) Este proxecto non forma parte dun plano comarcal elaborado de infraestruturas, senón que se trata dunha actuación illada, que non garda relación con ningunha planificación racional da comunicación da Comarca de Noia e da Comarca de Muros.
d) O proxecto da “Variante de Outes” só implica un aforro aproximado de 3 ou 4 minutos no tráfico, pero o seu custo socioeconómico e ecolóxico fai claramente desaconsellábel a execución desta obra por ser totalmente incompatíbel co desenvolvemento sostíbel, se o criterio utilizado é o do interese público.
e) O proxecto da “Variante de Outes” é un auténtico exemplo de feísmo na privilexiada Enseada de Langaño. ¿Con que lexitimidade vai esixir a mesma Consellaría aos particulares que non cometan feísmo?. O impacto paisaxístico de calquera construción non só é un mal en si mesmo senón que o deterioro irreversíbel da paisaxe é negativo de cara á atracción do turismo.
f) Este proxecto non dá servizo á maior parte do territorio do Concello de Outes e incluso provoca un efecto de illamento convertíndoo en boa medida nun Concello interior. Os proxectos de infraestruturas deberan ser para a integración do territorio e a mellora das comunicacións e non para crear divisións que cando menos esquencen absolutamente á unha gran parte da poboación.
g) Existen alternativas a esta obra: unha estrada polo interior ( a coñecida como “carretera da montaña”) evitaría todos os núcleos de poboación, non só na Serra de Outes, permitiría un trazado moito máis rectilíneo, e non só comunicaría Noia con Muros, senón que melloraría as comunicacións coas poboacións situadas máis aló de Muros (Lira, Carnota, Caldebarcos...). Ademais esta alternativa permitiría enlazar coa estrada da área metropolitana da Coruña, con Santiago, e coa Costa da Morte, mentres que o proxecto da Consellaría só suporía un cativo acurtamento da distancia entre Muros e Noia, mantendo o tránsito por poboacións coma Catasueiro, Siavo,O Freixo, Esteiro, Tal, Abelleira, Serres etc., lugares onde o tránsito está limitado a 50 Km/h, e onde, aínda a pesar das melloras que se están a realizar no firme, non son posíbeis os adiantamentos debido á densidade do tráfico, cruce de peóns, falla de visibilidade provocada polas inumerábeis curvas e cambios de rasante.
h) É unha manifesta incoherencia que a Xunta de Galicia decida modificar a Variante de Noia, evitando construír un viaduto sobre a ría alegando motivos de “impacto ambiental e paisaxístico” e se decida continuar co de Outes, no mesmo espazo protexido, a só cinco kilómetros de onde se pensaba construír o anterior, cun impacto paisaxístico claramente maior que no caso de Noia e cunha xustificación dende o punto de vista da desconxestión do tráfico moito menor en Outes que en Noia.
i) Quedou probado que o proxecto da “Variante de Outes” non acada un consenso social mínimo que calquera infraestrutura debera de ter, como se demostrou en concorridas protestas públicas organizadas pola Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación en Defensa do Bosque Caducifolio Galego e a súa Biodiversidade-Os Padriños do Artesanato, Confederación Intersindical Galega (CIG), Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes e Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes, ademais da actividade de recollida de sinaturas que a Plataforma está a realizar , con resultados que se expoñerán publicamente cando está conclúa.
Por todos estes feitos, a Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes solicita ao Valedor do Pobo:
1) Que investigue as graves irregularidades citadas neste proxecto e a súas repercusións claramente lesivas para o interese público,.
2) Que se investigue a manifesta falla de transparencia absoluta con que a Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes desenvolve este asunto.
3) Que se tomen as medidas a que haxa lugar segundo a legalidade vixente para a protección dos numerosos dereitos dos cidadáns vulnerados con este proxecto, entre os que se atopa o dereito a disfrutar dun medio ambiente adecuado para o desenvolvemento da persoa estabelecido no artigo 45 da Constitución Española de 1.978


PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTES
SANTIAGO DE COMPOSTELA, 19 DE ABRIL DE 2.006