Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web está en contra do peche de Aduaneiros sem Fronteiras

Este Blog é vozeiro virtual da Plataforma contra o Viaducto na Ria de Muros-Noia. Aquí poderes lêr as últimas novas relacionadas co noso traballo, accións da plataforma, recursos apresentados e toda clase de actividades que vaiamos fazendo em prol de umha ría sostível.

sábado, outubro 14, 2006

A PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTES ANUNCIA UN INCREMENTO DA MOBILIZACIÓN ANTE OS ABUSOS DA CONSELLARÍA DE OBRAS PÚBLICAS

CONTINÚAN AS IRREGULARIDADES E A OCULTACIÓN DE INFORMACIÓN
POSIBLE PARALIZACIÓN CAUTELAR DO PROXECTO

A Consellaría de Política Territorial Obras Públicas e Transportes, co servilismo do Concello de Outes, convocou aos propietarios de terreos afectados a un acto público para que entreguen as súas propiedades para a consumación da cacicada que teñen preparada. Ante isto a Plataforma advirte:

Pedimos a todos os veciños propietarios que non caian na trampa e non acudan a este acto, claramente ilegal, que só trata de facilitar a realización deste proxecto destrutivo promovido por un reducido grupo de políticos e de especuladores.
Esta convocatoria é unha táctica desesperada da Consellaría ante a ameaza de paralización do proxecto, posible froito das investigacións que tanto a Fiscalía como o Valedor do Pobo están a levar a cabo, pese a que a Consellaría tamén continúa ocultando información e na súa liña de “república bananeira” trata de enganar aos cidadáns e facer que mordan o cebo, para que asistan a esta convocatoria e entreguen as súas propiedades dificultando así a rectificación desta barbaridade ante a xa “cantada” paralización cautelar do proxecto.
Queda demostrada a actitude antidemócrata da Consellaría e do Concello de Outes que non saben dar nin o primeiro argumento a favor desta obra, e quedou tamén en evidencia o estremo esperpéntico da hipocrisía política co deputado autonómico Sr. Lage, quen publicou os informes negativos do viaduto de Noia, anunciou a súa paralización por supostos motivos de impacto ambiental e paisaxístico, pero ocultou deliberadamente os informes negativos do viaduto de Outes, prexudicando así aos seus veciños mentres se erixía en defensor doutros intereses (non presisamente públicos). Ademais, hai que lembrar que o Sr. Lage foi o único dos políticos que se negou a dialogar coa Plataforma cidadá e ante a súa falta total de argumentos se dedica a criticarnos nos medios de comunicación, pero cando nós non podemos rebatir, nunca á cara.
Ademais ante a cada vez maior mobilización social fronte esta atrocidade social e medioambiental a Plataforma incrementará nas vindeiras datas a súa actividade, tendo previstas diversas accións. Que conten con nós no vindeiro Pleno do Concello e tamén na Consellaría. Realizaremos actividades que poñan de manifesto o que supón este atentado: peches indefinidos, manifestacións, protestas nos lugares onde se pretende realizar ese acto fraudulento que convoca a Consellaría etc., dando así unha resposta contundente fronte á barbarie do poder.

NON AO VIADUTO NA NOSA RÍA-NON Á VARIANTE DE OUTES
Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes
Outes ,

Por qué o proxecto do viaduto e da variante é unha barbaridade?

A) O proxecto en cuestión afecta a unha zona cun alto valor ecolóxico: o Esteiro do Tambre, incluído dentro da Rede Natura 2.000 pola Unión Europea por . Decisión da Comisión Europea de 7 de decembro de 2.004 (DOCE L387 de 29/12/2.004) en virtude da Directiva 92/43/CEE, de 21 de Maio de 1992, de conservación de hábitats e da fauna e flora silvestres e tamén incluído pola Xunta de Galiza no Decreto 72/2004 do 2 de abril, polo que se declaran determinados espazos como Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais. Este proxecto provocaría un grave impacto ambiental e paisaxístico e a destrución dun potencial turístico. A ocupación física do Esteiro polo viaduto e a contaminación acústica do tráfico producirán a inmediata expulsión tanto das aves migratorias como das nidificantes nesta zona, en especial das limícolas, por ser a zona ocupada a que presenta o hábitat máis axeitado para o seu desenvolvemento, ao tratarse dunha chaira de marea con pouca profundidade, seca na marea baixa, con gran concentración de nutrientes minerais aportados polo río, moi osixenada, etc., características que permiten un gran desenvolvemento da vexetación, soporte de toda a cadea trófica. Os espazos naturais protexidos que forman parte da Rede Natura, debidamente xestionados, son un dos factores importantes cara a potenciación do turismo. Non só non se aproveita esta circunstancia senón que se destrúe un hábitat que a propia administración propón conservar e se afea unha paisaxe que posúe unha fermosura indiscutíbel hipotecando así o futuro desenvolvemento turístico da Comarca.
O proxecto inclúe un viaduto duns 700 metros sobre a Enseada de Langaño tendo o conxunto da variante unha lonxitude total de 4.770 m.

B) O proxecto afectará aos bancos marisqueiros, pois estaría situado a menos de 1.000 metros dos mesmos, dado que o asentamento de cada un dos piares do viaduto que se pretende construír implica o levantamento dunha inxente cantidade incalculábel de toneladas de material areoso e de lama que será arrastrado polas correntes e mareas, ademais do efecto provocado pola modificación das correntes. Os bancos marisqueiros representan unha actividade económica fundamental, non só no Concello de Outes, senón en todos os concellos que rodean a Ría de Muros e Noia.
C) Este proxecto non forma parte dun plano comarcal elaborado de infraestruturas, senón que se trata dunha actuación illada, que non garda relación con ningunha planificación racional da comunicación da Comarca de Noia e da Comarca de Muros.
D) O proxecto da “Variante de Outes” só implica un aforro aproximado de 3 ou 4 minutos no tráfico entre Muros e Noia (cun aforro aproximado de 3 km), pero o seu custo socioeconómico e ecolóxico fai claramente desaconsellábel a execución desta obra por ser totalmente incompatíbel co desenvolvemento sostíbel, se o criterio utilizado é o do interese público. Neste punto é destacábel o elevado orzamento inicial da obra: arredor de 18 millóns de euros.
E) O proxecto da “Variante de Outes” é un auténtico exemplo de feísmo na privilexiada Enseada de Langaño, que o levaría a cabo a mesma Consellaría encargada de esixir aos particulares que non cometan feísmo. O impacto paisaxístico de calquera construción non só é un mal en si mesmo senón que o deterioro irreversíbel da paisaxe é negativo de cara á atracción do turismo.
F) Este proxecto non dá servizo á maior parte do territorio do Concello de Outes e incluso provoca un efecto de illamento convertíndoo en boa medida nun Concello interior. Os proxectos de infraestruturas deberan ser para a integración do territorio e a mellora das comunicacións e non para crear divisións que cando menos esquencen absolutamente á unha gran parte da poboación.
G) Existen alternativas a esta obra: unha estrada polo interior ( a coñecida como “carreteira da montaña”) sen danar a ría, evitaría todos os núcleos de poboación, non só na Serra de Outes, permitiría un trazado moito máis rectilíneo, e non só comunicaría Noia con Muros, senón que melloraría as comunicacións coas poboacións situadas máis aló de Muros (Lira, Carnota, Caldebarcos...). Ademais esta alternativa permitiría enlazar coa estrada da área metropolitana da Coruña, con Santiago, e coa Costa da Morte, mentres que o proxecto da Consellaría só suporía un cativo acurtamento da distancia entre Muros e Noia, mantendo o tránsito por poboacións coma Catasueiro, Siavo,O Freixo, Esteiro, Tal, Abelleira, Serres etc., lugares onde o tránsito está limitado a 50 Km/h, e onde, aínda a pesar das melloras que se están a realizar no firme, non son posíbeis os adiantamentos debido á densidade do tráfico, cruce de peóns, falla de visibilidade provocada polas inumerábeis curvas e cambios de rasante.
H) É unha manifesta incoherencia que a Xunta de Galicia decida modificar a Variante de Noia, evitando construír un viaduto sobre a ría alegando motivos de “impacto ambiental e paisaxístico” e se decida continuar co de Outes, no mesmo espazo protexido, a só cinco kilómetros de onde se pensaba construír o anterior, cun impacto paisaxístico claramente maior que no caso de Noia e cunha xustificación dende o punto de vista da desconxestión do tráfico moito menor en Outes que en Noia.
I) Quedou probado que o proxecto da “Variante de Outes” non acada un consenso social mínimo que calquera infraestrutura debera ter, como se demostrou en concorridas protestas públicas organizadas pola Asociación Para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA), Asociación en Defensa do Bosque Caducifolio Galego e a súa Biodiversidade-Os Padriños do Artesanato, Confederación Intersindical Galega (CIG), Asociación Cívico-Cultural Terra de Outes e Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes, ademais da actividade de recollida de sinaturas que a Plataforma está a realizar , con resultados que se expoñerán publicamente cando está conclúa.

terça-feira, outubro 10, 2006

MANIFESTACIÓN EN SANTIAGO ANTE A XUNTA

Máis de 200 persoas concentráronse hoxe ante a sede da Xunta de Galicia en San Caetano baixo o lema “Non ao viaduto na nosa ría. Non á variante de Outes”. A Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes valora moi positivamente o resultado desta concentración que demostra a falla de consenso social sobre este proxecto. Os participantes esixiron a rectificación dos plans da Consellaría e denunciaron as numerosas irregularidades que se están a cometer na tramitación, a falla de transparencia e a ocultación de información, poñendo de manifesto que o expedente se lle está a ocultar aos cidadáns e incluso ao Valedor do Pobo, feitos que xa están en coñecemento da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, tras a denuncia presentada pola Asociación.

CRÍTICAS A LAGE
A Plataforma criticou duramente no manifesto lido ao remate da concentración a actuación de dobre moral do Sr. Lage, quen decide publicar os informes negativos sobre o paralizado viaduto de Noia por supostos motivos de impacto ambiental e paisaxístico e ocultar deliberadamente os informes negativos sobre o viaduto de Outes no mesmo espazo natural protexido e tamén pregunta a Lage que medidas pensa adoptar para que a Consellaría cumpra coa legalidade e remita o expedente que se lle está ocultando ao Valedor do Pobo. Estamos ante a evidencia de que o Sr. Lage está nervioso con este escuro asunto, un tema que el confiaba que ía permanecer sempre na escuridade, como proba o feito dos seus intentos de ataques nos medios de comunicación a unha Asociación cidadá como esta Plataforma. Queremos resaltar o feito de que Lage foi o ÚNICO DOS POLÍTICOS que non quixo falar con nós, por iso se dedica a criticarnos, pero nunca á cara porque sabe que non ten argumentos e por iso non quixo asistir ao debate público organizado na Casa da Cultura de Outes. Tamén se criticou ao Alcalde de Outes pola súa negativa a que o asunto sexa debatido no Pleno do Concello, tratando de mirar para outro lado, e desoíndo totalmente os intereses dos veciños de Outes. A Plataforma valorou positivamente o paso dado por Manuel González, concelleiro do BNG de posicionarse publicamente en contra da obra e mostrou o seu apoio á postura adoptada por este concelleiro, aínda que lamentamos que na manifestación non houbese unha representación do BNG que dese unha confirmación maior a esa decisión.
A Plataforma continuará nos vindeiros días coa súa actividade esixindo á Consellaría e aos representantes políticos diálogo, transparencia e o cumprimento da legalidade e tratando de que a sociedade coñeza os argumentos que nos levan a solicitar a anulación deste proxecto que consideramos un erro histórico polos motivos que xa expuxemos publicamente:
As razóns da nosa oposición ao viaduto:

· Ocupación dun espazo natural protexido. O viaduto percorre 700 m . do Esteiro do Tambre (Enseada de Langaño), a pesar do recoñecemento oficial como Lugar de Interese Comunitario (L.I.C.) incluído na Rede Natura 2000 e pola Xunta como Zona de Especial Protección dos Valores Naturais.
· Non se soluciona dunha maneira adecuada a comunicación entre Noia e Muros. A estrada segue a ser na súa maior parte unha travesía con limitación de 50 km/h . Atravesa moitos núcleos de poboación: Catasueiro, Siavo, O Freixo, Esteiro, Tal, Abelleira, Serres. Na maior parte dos tramos fóra dos núcleos de poboación non son posíbeis os adiantamentos pola falla de visibilidade provocada polas innumerábeis curvas e cambios de rasante. Ademais esta variante sería unha actuación illada, unha obra solta que non obedece a ningún plan de comunicación da Comarca de Muros e da Comarca de Noia, simplemente porque este plan non existe.
· Existen alternativas a esta obra: a mellora da estrada polo interior (a coñecida como “carreteira da montaña”) evitaría todos os núcleos de poboación, non só a Serra de Outes, permitiría un trazado moito máis rectilíneo, e non só comunicaría Noia con Muros senón que melloraría as comunicacións coas poboacións situadas máis aló de Muros (Lira, Carnota, Caldebarcos...). Tamén daría servizo directo ademais de a Outes, Noia e Muros aos concellos de Mazaricos, Santa Comba e Dumbría (circunstancia esta que non se daría con este viaduto).Neste punto é importante sinalar a mellora da seguridade vial desta alternativa
· O viaduto e a variante van custar preto de 18 millóns de euros!!!. ¿Imaxinan a cantidade de melloras que se poderían levar a cabo con ese diñeiro?Todo coa única contrapartida para o interese público dun aforro de 3 minutos no tráfico entre Muros e Noia....Cando menos estase perdendo unha gran cantidade de recursos públicos.
· Afectación aos bancos marisqueiros. Dous informes da Dirección Xeral de Recursos Mariños (Consellaría de Pesca) alertan sobre isto: “En dita enseada non existe marisqueo... Nembargantes, si vai afectar a calidade das augas o que pode ocasionar afeccións aos recursos existentes, augas abaixo na ría de Noia” ... “Pódese producir unha elevación dos niveis de turbidez e sólidos disoltos nas augas”... “Ademais as operacións de formigonado poden provocar a elevación dos niveis de pH que impliquen a mortalidade á fauna piscícola existente”. Parece claro que vai haber unha afectación inmediata ao marisco na fase construtiva (remoción de lamas no leito polo asentamento de cada un dos piares), ademais haberá vertidos de formigón, estes últimos, coa adopción de medidas correctoras pódense reducir, pero non evitar; e unha afectación a medio e a longo prazo pola modificación das correntes provocada polo viaduto, que removerán as lamas ao abrir novas canles para o paso da auga.
· Irregularidades na tramitación do proxecto e ocultación de información. O tramo do viaduto que percorre a enseada de Langaño está suxeito á Lei de Costas, o proxecto precisa da autorización da Dirección Xeral de Costas que emitiu un informe negativo a este respecto, por non acompañar ao proxecto o preceptivo Estudo da Dinámica Litoral. Cuestión sobre a que o Informe da Dirección Xeral de Recursos Mariños di o seguinte “Non existen estes estudos polo tanto, como non son aportados estes estudos, que contrariamente ao afirmado neste proxecto, é o momento da súa presentación tanto por ser obrigatorios pola lexislación vixente como por ser determinantes para coñecer o impacto sobre o medio mariño...”. Cuestiónase así a legalidade do proxecto e a propia Declaración de Impacto Ambiental (DIA), xa que se fai sen a realización dos estudos imprescindíbeis para determinar tal impacto. Invalídase tamén o proceso de alegacións sobre impacto ambiental, ao non coñecerse nese momento os efectos da construción da ponte. Os informes da Dirección Xeral de Costas e da Dirección Xeral de Recursos Mariños foron deliberadamente ocultados aos cidadáns pola Administración e polos representantes políticos : O parlamentario Sr. Lage fai público o informe da Dirección Xeral de Recursos Mariños referente á variante de Noia pero non dá a coñecer un informe similar sobre o viaduto de Outes, a Xunta de Galiza non nos remite esta información a pesar de tela solicitada desde o 28 de novembro de 2.005 e ser o prazo legal máximo para a súa remisión de dous meses, o Alcalde de Outes négase á celebración dun Pleno Extraordinario sobre o viaduto, a Confraría de Pescadores e Mariscadores de Noia non recibe estes informes da Administración e é o noso colectivo o que llos proporciona. Ademais a Consellaría incumpre sistematicamente a súa obriga legal de contestar ás instancias e recursos que se lle presentan demostrando tamén unha gran arrogancia e despotismo, calquera cidadán pode comprobar directamente o que é este proxecto, será “mareado” por diversos políticos que non saben, nin contestan e que mostran todo tipo de actitudes menos eficacia na súa actuación. O Valedor do Pobo admitiu o 8 de maio a trámite unha queixa da Plataforma, nembargantes a Consellaría estalle a ocultar información e non lle remite o expedente, incumprindo así a súa obriga,o Valedor xa tivo que enviar tres requerimentos á Consellaría. Esta actitude ademais de ser ilegal revela que cando ocultan a información por algo será...
· Rexeitamento social ao proxecto amplo e representativo: C.I.G, Asociación Cívico Cultural Terra de Outes, Asociación para a Defensa do Bosque Caducifolio, Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes, ADEGA, centos e centos de firmas de particulares que temos recollido.
· Impactos ambiental e paisaxístico e destrución dun potencial turístico. A ocupación física do Esteiro polo viaduto e a contaminación acústica do tráfico producirán a inmediata expulsión tanto das aves migratorias como das nidificantes nesta zona, en especial das limícolas, por ser a zona ocupada a que presenta o hábitat máis axeitado para o seu desenvolvemento, ao tratarse dunha chaira de marea con pouca profundidade, seca na marea baixa, con gran concentración de nutrientes minerais aportados polo río, moi osixenada, etc., características que permiten un gran desenvolvemento da vexetación, soporte de toda a cadea trófica. Os espazos naturais protexidos que forman parte da Rede Natura, debidamente xestionados, son un dos factores importantes cara a potenciación do turismo. Non só non se aproveita esta circunstancia senón que se destrúe un hábitat que a propia administración propón conservar e se afea unha paisaxe que posúe unha fermosura indiscutíbel hipotecando así o futuro desenvolvemento turístico do Concello.
· ¿Por que non se fan viadutos igual de aberrantes no resto das enseadas (Abelleira, Esteiro e Muros)? Os criterios polos que se considera necesario este viaduto serían perfectamente aplicables ao resto das enseadas do norte da Ría (aínda con maior razón xa que reducirían máis a distancia e non pertencen á Rede Natura). A nós parécenos un modelo aberrante que remataría coa destrución dos recursos da Ría e da súa paisaxe.
· ¿Por que en Outes si e en Noia non? Os argumentos esgrimidos para o desbotamento do proxecto orixinal para a Variante de Noia son plenamente aplicábeis a este proxecto. O feito de que a Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes decida paralizar un proxecto en Noia por supostos “motivos de impacto ambiental e paisaxístico” e decida continuar con outro a cinco kilómetros, no mesmo espazo protexido, cun impacto ambiental e paisaxístico aínda moito maior en Outes que en Noia e cunha xustificación do tráfico moito menor, constitúe un exercicio de cinismo e de hipocrisía, e supón unha burla á maioría da poboación, ademais é a proba da ausencia total dun plan de infraestruturas do actual goberno, que se limita a ir facendo desfeitas por encarga alí onde pode.
· Impacto sobre o medio rural. O viaduto, á saída do esteiro de Langaño, vai por Rates, Mellán, Leiras Grandes, Poza, Canteiriña, Bendimón e Catasueiro, invade terras de cultivo, hortas e pasa á beira das casas. Os veciños destes núcleos verán diminuída a súa calidade de vida polo impacto acústico e ambiental, a dificultade que suporá ter que atravesar esta vía e a perigosidade do tráfico.
· Está en evidente contradición co modelo de desenvolvemento económico sostíbel, modelo aceptado tanto polo goberno autonómico, como polo do Estado e a Comunidade Europea como o único posíbel de manter a medio prazo. Hipotecamos así o noso progreso e o das vindeiras xeracións.
· Non pode considerarse de interese público, xa que os prexuízos ocasionados non compensan un aforro (teórico xa que depende das circunstancias do tráfico no resto das travesías) de escasamente 4 minutos. Abonda cunhas contas moi simples: a variante tería unha lonxitude de 4 km e 770 metros , mentres que o tramo de estrada actual tería 8 km e 200 metros , temos pois unha diferenza inicial de 3 km e 430 metros pero a iso teríamos que engadir que na estrada actual débense realizar con urxencia diversas melloras (como ancheamento, eliminación de curvas etc.) co que o aforro final aproximado que implicaría esta variante sería de 2 km e 500 metros . Por certo, destas melloras que tanto precisa a estrada actual semella que os nosos políticos se esqueceron e que os que viven entre os extremos desa futura variante ( a maior parte de Outes) non existen no mapa.
· O viaduto tamén é negativo para as zonas do norte da ría, por moito que algúns segan tentando de utilizar aos seus veciños coma escudo. Un aforro de catro minutos escasos para calquera localidade é unha compensación ben cativa se temos en conta os grandes custos que eses lugares van ter con esta obra. Esas zonas tamén viven en boa medida do marisqueo, do turismo, da Ría en definitiva. Dende o punto de vista do desenvolvemento sostíbel os efectos desta variante son igual de destrutivos en calquera lugar dos Concellos que rodean á ría.
· Esta variante non dá servizo á maior parte do Concello de Outes, que agoniza económica e socialmente cun claro avellentamento e descenso da poboación, ausencia de oportunidades para a mocidade, emigración etc. Agora, algúns políticos veñen vender como “progreso” o que en realidade é unha coitelada mortal para un Concello en auténtica decadencia.
· O viaduto sería un auténtico exemplo de feísmo na privilexiada paisaxe da Enseada de Langaño. ¿Con que lexitimidade vai esixir despois a mesma Consellaría aos particulares que non cometan feísmo no litoral?.

segunda-feira, outubro 02, 2006

MANIFESTACIÓN CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTES

O venres día 6 de outubro ás 12.00 horas está convocada unha manifestación en Santiago de Compostela, nas inmediacións dos edificios da Xunta de Galicia en San Caetano como mostra de rexeitamento ao proxecto do viaduto e da variante de Outes organizada polos seguintes colectivos:
-Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes
-Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza (ADEGA)
-Verdegaia
-Confederación Intersindical Galega (CIG)
-Terra de Outes
-Asociación en Favor do Bosque Caducifolio Galego e a súa Biodiversidade.

A manifestación ten como obxectivo que a Consellaría de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes tome a decisión de valorar outras alternativas de maior interés público, máis económicas para o erario público, menos lesivas para o medio ambiente e en concreto para a ría e para o espazo natural protexido do esteiro do Tambre, declarado Lugar de Interese Comunitario pola Unión Europea e Zona de especial protección dos valores naturais pola Xunta de Galicia, debido á gran riqueza ecolóxica e paisaxística que presenta, ameazada agora por unha variante que só implicaría un aforro de 3 minutos no tráfico entre Muros e Noia e que tamén presenta importantes eivas legais polo incumprimento rotundo da Lei de costas. Ademais implicaría un grave deterioro para os bancos marisqueiros por dúas vías: a remoción de lamas provocada pola instalación dos piares e a modificación das correntes.

- Falla de transparencia e irregularidades: a manifestación tamén solicita que se tomen medidas urxentes para solucionar as graves irregularidades deste proxecto, así, aínda non se expuso ao público o obrigado estudo de dinámica litoral, que é fundamental para coñecer a influencia da obra no medio mariño e do que a Dirección Xeral de Recursos Mariños fai unha demoledora crítica nun informe. Política Territorial oculta información aos cidadáns como proba o feito de que non contestan, por sistema, ás solicitudes de información que a Plataforma presentou, xa en novembro do pasado ano; tampouco cumpren á obriga de contestar aos recursos presentados (diversos colectivos presentaron en xaneiro recursos contra a declaración de utilidade pública e urxente ocupación e nunca recibiron resposta, a pesar de estar a Administración obrigada a contestar no prazo dun mes), a ocultación de información chega ao mesmo Valedor do Pobo quen até o de agora tivo que enviar xa tres requerimentos á Consellaría, que incumpre a obriga de enviarlle o expedente, feito este que, sendo moi grave en si mesmo, tamén denota que cando ocultan a información por algo será. Estes feitos están xa en coñecemento da Fiscalía do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, mediante unha denuncia presentada recentemente pola Plataforma.

- A responsabilidade dos políticos: preguntámonos porque o Sr. Lage, deputado autonómico, decide publicar os informes negativos sobre o viaduto de Noia e ocultar deliberadamente os informes de Outes (no mesmo espazo natural protexido) e se nega a debatir en público para aclarar a súa postura. Ao alcalde de Outes solicitamos que diga por qué considera que o tema non é da suficiente importancia para Outes como para que non convoque un pleno extraordinario. Pola súa parte, Manuel González, concelleiro do BNG en Outes, posicionouse xa publicamente en contra desta obra, feito que valoramos positivamente, queremos darlle ánimos e desexarlle sorte para que agora González poida vencer os atrancos internos desta organización, e consiga que a súa posición en contra do viaduto de Ribademar sexa tamén a posición oficial e definida do BNG.

PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTES