Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web está en contra do peche de Aduaneiros sem Fronteiras

Este Blog é vozeiro virtual da Plataforma contra o Viaducto na Ria de Muros-Noia. Aquí poderes lêr as últimas novas relacionadas co noso traballo, accións da plataforma, recursos apresentados e toda clase de actividades que vaiamos fazendo em prol de umha ría sostível.

terça-feira, março 27, 2007

CADUCADO O PERMISO DO CONSELLO DE MINISTROS

CADUCA A DECLARACIÓN DE UTILIDADE PÚBLICA DO CONSELLO DE MINISTROS
UN NOVO INFORME DA CONSELLARÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS ALERTA SOBRE SERIAS DEFICIENCIAS NO PROXECTO DO VIADUTO DE OUTES
Os informes foron remitidos recentemente á Plataforma polo Valedor do Pobo, quen á súa vez os recibiu da Dirección Xeral dos Recursos Mariños (Consellaría de Pesca e Asuntos Marítimos) e da Dirección General De Costas (Ministerio de Medio Ambiente). 1) Constátase a falta de medidas correctoras para os fondos e o medio mariño. Citas textuais:
“Unha vez construídos os piares retiraríanse as penínsulas e restauraríase o fondo da ría, aínda que non aportan máis explicación da forma na que o van levar a cabo.”
“No apartado de restauración paisaxística non teñen en conta a restauración do medio acuático. Parece que somentes retirarán as penínsulas, non se sabe se retirarán todo o material que se incruste no fondo fangoso e parece que deixarán que sexa o tempo quen restaure os hábitats afectados polas penínsulas”
2) Un dos principais problemas da construción do viaduto é a afección á canle de corrente principal detectada no Estudo de Dinámica Litoral, a CPOPT aseguraba que o viaduto non afectaría ás correntes, pero a Consellaría de Pesca desminte isto:
“Din que non terá afección na canle principal de desaugue coa construción do viaduto, sen embargo no plano de construción (chamado....)aparece que a península de 150 m. si ten afección nesta canle.”
“Non din se van facer un seguemento da dinámica litoral unha vez feita a ponte para coñecer se se axusta ao que establecen no que supoñen que ocorrerá”
3) Existen deficiencias importantes no sistema de eliminación de vertidos e lixiviados:
“En canto á zona de cambio de aceite e repostaxe di que terá unha cuneta drenante, pero non din qué pasará co material drenado”
4) Alértase do risco de morte masiva de moluscos:
“En canto á periodicidade deberían ter en conta que si o seguemento que se faga en continuo alerta dunha suba no parámetro de sólidos en suspensión deberían ver se esta ten efectos negativos sobre o banco marisqueiro para ter en conta posibles medidas correctoras ou compensatorias en caso de morte masiva dos moluscos a causa das obras”.

Alternativas: Entendemos que estes riscos xustifican por si mesmos o estudo doutras alternativas, ao igual que se está a facer en Noia.
Confraría: Tamén solicitamos aos directivos da Confraría de Noia, que expliquen publicamente o por qué do seu silencio sobre o asunto do viaduto, cando hai tempo que son coñecedores destes perigos.

A Dirección General de Costas do Ministerio do Medio Ambiente estableceu, cun requerimento previo da Plataforma, o cumprimento da Lei de Costas establecendo como trámite esencial do proxecto a autorización e declaración de utilidade pública polo Consello de Ministros establecendo un prazo máximo de tres meses, a partir de dito trámite para o inicio das obras.
O Consello de Ministros aprobou este trámite o día 15 de decembro de 2.006, o prazo para iniciar as obras venceu o día 15 de marzo de 2.007, e a data de hoxe, non se iniciaron as obras tras a declaración de utilidade pública: co que o permiso, que é un trámite esencial, está por tanto caducado e invalidado, entendéndose que a Xunta desiste na petición de adscrición de ditas obras,segundo establece Costas:Do informe de Costas (agosto do 2.006): “El plazo total para formalizar las actas e iniciar las obras es de tres meses a partir de la autorización y declaración de utilidad pública por el Consejo de Ministros, respectivamente, de las obras a realizar en dominio público marítimo-terrestre.En caso de que no inicien las obras en el plazo referido, se entenderá que se ha desistido en la petición de adscripción de dichas obras•”

PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTES
24 DE MARZO DE 2.007

quinta-feira, março 22, 2007

A PLATAFORMA VALORA POSITIVAMENTE O RESULTADO DA INVESTIGACIÓN DA FISCALÍA

A Plataforma Contra o Viaduto e a Variante de Outes valora moi positivamente o resultado desta investigación da Fiscalía, a pesar de que finalmente a Fiscalía decide non continuar co proceso penal ,nun complexo auto de máis de 5 folios, que demostra que cando menos o asunto a nivel penal non estaba tan claro. Os obxectivos pretendidos tras máis de 6 meses de investigación están conseguidos.

Esta denuncia obrigou a que a Xunta tivese que facer públicos determinados informes que levaba ocultando ao público dende hai máis de dous anos; tamén forzou esta investigación a que se cumprisen algúns requisitos a nivel legal que non se estaban cumprindo pola Consellería, como a solicitude do oportuno permiso ao Consello de Ministros que é posterior a esta denuncia (15-12-2.006) , o que, no peor dos casos, obrigará a un control moito máis exahustivo se finalmente se leva a cabo o proxecto. Tamén se impoñen máis medidas correctoras doutras Consellerías tras a denuncia en novos informes, o que dificulta a consumación esta cacicada . O mesmo Presidente da Xunta Sr. Pérez, dixo, en Muros, non en Outes: "A variante de Outes licitarase en Outubro" ( do 2.006), e estamos en marzo do 2.007. Tamén hai que lembrar que o feito de que a Fiscalía, non atope indicios directos de responsabilidade delictiva , non implica que o proxecto non sexa paralizado no proceso contencioso -administrativo. Todo segundo os cálculos da Plataforma.
A Fiscalía tamén considera na resolución a decisión de construír o viaduto como de discrecionalidade política, que "deben valorar os cidadáns", por iso lembramos que este proxecto supón unha agresión brutal ao espazo do esteiro do Tambre protexido na Rede Natura 2.000, un grave risco de afección aos bancos marisqueiros, un grave prexuízo á maior parte do Concello de Outes (que queda literalmente illado), e todo sen un interese público como contrapartida xa que só implica un aforro de 3 minutos no tráfico entre Muros e Noia e sen que se valoraran tan siquera outras alternativas mellores. Está claro que o móbil da variante é o interese privado e non o interese público como proba a gran contradición da Consellaría: decide suspender o proxecto de Noia no mesmo espazo protexido, a só 5 km, e pretende levar a cabo este de Outes cun impacto se cabe maior e unha utilidade pública insignificante.
A fraude bipartita: A Plataforma denuncia o continuismo deste Goberno bipartito respecto ao anterior Goberno autonómico en canto a política medioambiental e falta de transparencia (sen entrar noutros aspectos que trascenden ao obxecto social desta Plataforma). Non dicimos que sexan peores, simplemente dicimos que se cumpre o de que: "son todos iguais". A Plataforma continúa a súa loita e estuda novas accións, especialmente de cara aos vindeiros comicios municipais.
NON AO VIADUTO NA NOSA RÍA. NON Á VARIANTE DE OUTES
Plataforma Contra O Viaduto e a Variante de Outes
21-04-2.007