Esta web apoia á iniciativa dun dominio galego propio (.gal) en Internet Esta web está en contra do peche de Aduaneiros sem Fronteiras

Este Blog é vozeiro virtual da Plataforma contra o Viaducto na Ria de Muros-Noia. Aquí poderes lêr as últimas novas relacionadas co noso traballo, accións da plataforma, recursos apresentados e toda clase de actividades que vaiamos fazendo em prol de umha ría sostível.

segunda-feira, janeiro 26, 2009

Información sobre o Monte da Pena

A Plataforma pola Defensa do Esteiro do Tambre solicitou a exclusión do monte da Pena, en Outes, do plan eólico mediante a declaración de espacio protexido a través dun decreto similar, ao publicado para Os Penedos de Traba e Pasarela. Asegura que o monte da Pena é un lugar singular i emblemático de especial valor paisaxístico y ecolóxico. [sigue]

terça-feira, janeiro 20, 2009

interesante e lúcido artigo do membro da Plataforma Manolo Lema sobre o miradoiro da Pena:

PLATAFORMA POLA DEFENSA DO ESTEIRO DO TAMBRE 19 DE XANEIRO DE 2009

O Miradoiro da Pena non ten escondrixo
O Miradoiro da Pedra da Vella no extremo sur do Monte Da Pena ven de ser Culto dos nosos antepasados desde tempos ben antergos. Logo de ser arrasado polo lume en numerosas ocasións e de servir de canteira ata os anos de 1960 para a construción das casas das aldeas circundantes aínda conserva tres Mamoas ó seu pé, unha na cima a menos de 50 metros do punto xeodésico, duas máis nos Chans da Millareira no alto de Pedrouzo a menos de 500 metros e dúas máis na súa área de dominio, A Medoña en Tardiado e a do Gallardo.Mítico Olimpo Celta posto que a súa posición xeoestratéxica non ten desperdicio. Avistamento das dúas marxes da Ría desde o Castro de Baroña a Monte Louro, a sur e norte da Ría respectivamente. Por entre os montes do Confurco na parroquia de Tállara en Lousame deixa ver un anaquiño de mar fronte a costa de Carril na Ría de Arousa, dando unha imaxe ao observador da impoñente Cordilleira da Barbanza que parece quixera ser unha illa unida polo itsmo entre Noia, neste lado, e Ponte Veluso no outro. Ten tamén unha visión de privilexio cara o interior de Galicia; cara o este, no solnacente é coñecida a imaxe da Catedral de Santiago de Compostela que se divisa entre o Monte Pedroso e Parque de Santa Susana co maxestuoso Pico Sacro no fondo da fotografía; a vista ó norte pérdese pola meseta do Xallas entre picoutos no horizonte dos que se identifican ó cerca os do Monte da Ruña e o Alto de Castris; a mirada ó solpor ten especial encantía, ó mesmo tempo que co ollo esquerdo avistamos a desembocadura do río Das Donas no Tambre, éste na Ría e ésta no Atlántico co ollo dereito observamos de fronte o outro Olimpo Celta, o Monte Pindo marcando a foto o seu pico do Alto da Moa. Esta imaxe cautivou a retina dos poboadores desta bisbarra ó longo dos milenios e se houbera sensibilidade política lugares coma este, de contrastado valor cultural, e sobre todo Paisaxístico estarían Protexidos xa hai tempo, digo máis, agora mesmo non deben primar intereses a curto plazo que non sexan os de blindar a súa protección. No medio dos intereses economicistas xurdidos nas sociedades modernas, ás veces frenéticas polos monocultivos, deben aparecer e encenderse as conciencias públicas alá donde fiquen apagadas.Se repasamos a obra de Xerardo Agrafoxo ou a de Xan Mariño entre outros decatámonos do enmarcado valor histórico do territorio ó que me estou a referir.
Cabe facer unha ruta na toponimia de raíces Celtas nas aldeas ubicadas nas dúas ladeiras do Monte da Pena, todas a menos de 3 km do Mirador: Mourelos, Vilar de Banzas, Cabanamoura, Couso, Vilar de Xallas, Mourís, Romarís, A Medoña, Cuns... No mesmo espazo están catalogados os Castros de Cando, o da Esfarrapa, o de Banzas e o do Castelete no Concello de Outes, o de Couso de Abaixo, o de O Castro, o de Albite e o de Mourís no concello de Negreira. Segundo Xerardo Agrafoxo esta concentración de necrópolis castrexa é debida ás condicións agrobiolóxicas do terreo que fan posible unha elevada demografía, condicións que tamén aproveitaron sociedades anteriores á crastrexa como demostran a cantidade de monumentos dolménicos.

O espiñazo do Monte da Pena ten polas dúas ladeiras alta densidade de núcleos de poboación e está exposto o seu avistamento desde un radio de máis de 40 km ó seu arredor, desde tódalas praias, cabos e pobos que miran mar adentro de ámbalas marxes da Ría de Muros e Noia. É sobor de todo un recurso turístico de valor contrastado, non cabe pensar que se poida vender por dous megavatios ou que só se valore desde a perpectiva industrial.

Os que aquí convivimos suplicamos cordura ós dirixentes públicos, e como está na súa man, pregámoslle lexislar un decreto urxente que protexa o sur do Monte da Pena (o norte xa ten ubicado o parque eólico de Corzan) como se ven de facer nas paraxes de Penedos de Pasarela e Penedos de Traba. Neste intre non sería honroso abandoar os cidadáns desta comarca na estratexia do "divide e vencerás" que veñen de practicar as empresas interesadas en máis viraventos co consentimento de algunha institución admitindo a trámite os seus anteproxectos tendenciosamente documentados.

Manolo Lema.Nacido en Cabanamoura, Outes

EXCLUSIÓN DO MONTE DA PENA EN OUTES DO PLANO EÓLICO

A PLATAFORMA POLA DEFENSA DO ESTEIRO DO TAMBRE SOLICITA A EXCLUSIÓN DO MONTE DA PENA EN OUTES DO PLANO EÓLICO MEDIANTE A DECLARACIÓN DE ESPAZO PROTEXIDO CUN DECRETO SIMILAR AO QUE PROTEXE OS PENEDOS DE TRABA E PASARELA TAMÉN SOLICITA A ANULACIÓN DO PARQUE DE PENA DE FERRO POR INVADIR EN DÚAS ZONAS A REDE NATURA DO LIC, ASÍ COMO A LIMITACIÓN DO ACTUAL PARQUE DO TREMUZO (OUTES)


1) O Monte da Pena en Outes é un lugar singular e emblemático de especial valor paisaxísitico e ecolóxico. Está coroado por un impresionante macizo de rocha, dende onde se pode observar unha vista espectacular que abrangue a práctica totalidade da ría de Muros e Noia, unha parte importante do río Tambre e do seu esteiro, boa parte dos concellos de Outes, Negreira, Santa Comba, Brion, Noia, Muros, Mazaricos, Lousame...chegando incluso a albiscarse as torres da catedral de Santiago de Compostela. Pola súa priviliexiada situación, nun dos puntos máis elevados do Concello de Outes é un punto de referencia visible en máis de 40 kilómetros arredor. Tamén é un hábitat natural de determinadas especies protexidas: entre elas o lobo, que noutrora era dominante no monte da Pena e dende 1986 está en serio perigo de desaparIción na zona ou mesmo pode que xa desaparecera. Un parque eólico non axuda dende logo á recuperación desta e doutras especies e provocaría a destrución do priviliexiado contorno do macizo de rocha. Ademais aínda conserva varias mámoas ao seu pé, unha no cumio, a menos de 50 metros do punto xeodésico, dúas máis nos Chans da Millareira no alto de Pedrouzo a menos de 500 metros e dúas mais na súa área de dominio, A Medoña en Tardiado e a do Gallardo. O Consello da Xunta declara por Decreto 294/2008 do 11 de decembro espazo protexido os Penedos de Traba e Pasarela, entre os concellos de Vimianzo e Laxe, as mesmas razóns para a conservación merece o macizo da Pena en Outes, polo que solicitamos a mesma protección por Decreto do Consello da Xunta. Tamén solicitamos que se estude a inclusión deste lugar privilexiado na proposta de ampliación da Rede Natura 2000 dentro do LIC esteiro do Tambre.

2) O denominado parque de Pena de Ferro estaría situado entre os concellos de Noia, Brión e Lousame, invadindo dúas zonas do LIC esteiro do Tambre e polo tanto prohibido expresamente polo Decreto 242/2007 do 13 de decembro polo que se regula o aproveitamento da enerxía eólica en Galiza, polo que solicitamos a inmediata rectificación deste proxecto nun lugar xa castigado polo gran impacto das obras do viaduto de Outes que se están a iniciar dentro da mesma ría.

3) Tamén solicitamos que non se amplíe o actual parque do Tremuzo, que xa tivo un evidente impacto paisaxístico e ecolóxico nun lugar privilexiado de Galiza, limitándose as actuacións á repotenciación dos muíños actuais podendo así incluso diminuír o seu número.

4) A Plataforma pide o posicionamento das corporacións locais afectadas: Brion, Lousame, Noia e Outes e o posicionamento público e claro dos grupos políticos BNG, PSOE e PP sobre as tres propostas anteriores.

5) A Plataforma aproveita para aclarar que non se opón, por principio, á enerxía eólica, pero non a calquera prezo senón cunha serie de condicións como a non afectación a espazos protexidos ou de elevado valor ecolóxico e paisaxístico como os casos do esteiro do Tambre, da Pena ou do Tremuzo; que implique unha diminución doutras enerxías máis contaminantes, é dicir que sexa substitutiva e non meramente aditiva, o que non está ocorrendo; que implique unha diminución do importe que os consumidores pagan polo recibo da luz (incrementouse escandalosamente no último ano), que vaia acompañada de plans eficientes de redución do consumo eléctrico, incremento da investigación para reducir o número de muíños mediante a repotenciación...

sábado, janeiro 17, 2009

O PLANO EÓLICO DA XUNTA

A plataforma pola defensa do Tambre pide á Xunta que non deixe colocar aeroxeneradores

A Plataforma pola defensa do estuario do Tambre solicitou á Consellería de Medio Ambiente que impida a colocación dun parque eólico no paraxe natural das ribeiras do río, situadas no municipio de Outes e incluídas dentro da Rede Natura.

Por iso, a plataforma acusa á Consellería de Industria «de vender vos espazos protexidos ao interese dunha empresa privada, como é Aucosa».
Dadas as circunstancias, confía en que o proxecto non prospere ante o Consello da Xunta. «Segundo pódese desprender do Decreto ao respecto e dun anuncio que fixo ou conselleiro de Medio Ambiente, no que dixo que non ía autorizar parques novos dentro da Rede Natura, esperamos que este non vaia adiante, xa que o proxecto aínda non conta co preceptivo informe da consellería».
Ademais, a plataforma acusa a determinados altos cargos do BNG de «facer no goberno o contrario ao que predicaban na oposición».
Doutra banda, este grupo quere recordar que o estuario do Tambre xa está bastante afectado polas obras do viaducto de Outes e que unha medida de este tipo somente traería problemas.


Noticias relacionadas:
O 43% do novo plan eólico está na Rede Natura ou na sua ampliación

sábado, outubro 25, 2008

Xoan Fco García Suárez publica un novo libro


Xoan Fco García Suárez acaba de publicar o seu novo libro "A carpintería de ribeira e os asteleiros no Concello de Outes", editado por Toxosoutos.2008.
O autor fai un pormenorizado estudo sobre a industria da carpinteria de ribeira, un traballo de memoria histórica que pode saldar en parte a débeda histórica coas persoas que traballaron en estos asteleiros.
Xoan García rescata do ostracismo a todo ese sector económico, que forma parte da historia da Ría de Muros e Noia.

Hoxe Outes ten un pouco mais de historia.
Gracias Xoan!!

sábado, maio 12, 2007

A PLATAFORMA PROMOCIONARÁ O VOTO EN BRANCO NAS ELECCIÓNS MUNICIPAIS DE OUTES

A Plataforma acusa aos partidos políticos de malvender os intereses da cidadanía e o patrimonio natural a especuladores privados e de actuar como axentes comerciais dalgunhas construtoras. Os políticos seguen sen explicar a suposta utilidade pública dunha obra de máis de tres mil millóns de pesetas (19 millóns de euros), pero que só reportará un aforro de tres minutos no tráfico entre Muros e Noia,degradando o litoral, lesionando irreversiblemente a Rede Natura e prexudicando os bancos marisqueiros e a ría en xeral sen que se valoraran acaídamente outras alternativas.
Tamén acusa aos políticos de considerar aos veciños de Outes como cidadáns de segunda categoría, porque deciden paralizar un proxecto moi similar en Noia, no mesmo espazo protexido do esteiro do Tambre, por supostos motivos de impacto ambiental e paisaxístico, pero continúan co de Outes, sabendo que ademais o proxecto deixa fóra a unha gran parte do territorio do Concello. Esta crítica que se dirixe a todos os partidos políticos, tamén se pode particularizar:

PSOE:
A Plataforma denuncia o fariseísmo hipócrita dos dirixentes do PSOE,que din defender a Rede Natura, pero destrúena sen ningún escrúpulo; proba deste fariseísmo é a actitude do deputado sr. J.M. Lage, que nun momento determinado decide publicar uns informes sobre a ponte de Noia, pero oculta deliberadamente os do viaduto de Outes, sabendo o grave dano que esta obra vai causar. Tamén acusamos á Conselleira Sra. María José Caride de utilizar a mentira e a manipulación, como únicas tácticas que lle valen ante a falta total de argumentos para defender esta obra, xa que aínda estamos agardando a xustificación da mesma, polo que a convidamos a vir a Outes a informar e a debatir. Penoso comportamento tamén foi o dos dirixentes do PSOE local, meros axentes teledirixidos pola cúpula do seu partido. O goberno bipartito exerce unha política esencialmente continuista coa do PP só que disfrazada dun falso verniz innovador, no que xa se pode denominar “a fraude bipartita”

PP: O alcalde de Outes, López Crespo non representa os intereses dos seus veciños, durante este tempo, dedicouse a ocultar este asunto aos cidadáns, nin siquera convocou un pleno para tratar un tema de tanta importancia para o concello e tiveron que ser os veciños os que obrigaron a que polo menos se falase do asunto, fóra da orde do día. Tampouco quixo asistir ao debate sobre a variante, organizado por unha asociación cultural, debido á súa falta de argumentos. A Plataforma ten solicitado o envío do informe preceptivo do Concello de Outes sobre o proxecto, sen que se teña recibido, e incluso non se ten constancia da súa existencia, a pesar da súa obrigatoriedade.

BNG: O BNG demostrou a súa falta total de democracia interna, xa que a asemblea local deste partido decidiu non posicionarse sobre este asunto, debido á súa división, mentres que no Consello da Xunta, os conselleiros do BNG, decidiron aprobar o proxecto, desautorizando e pisoteando á militancia de Outes, impoñendo así verticalmente a súa postura, allea aos militantes de base, dedicándose ademais a demonizar á disidencia, por atreverse a denunciar publicamente este feito, revelador dunha oligarquía que vive a costa dos seus militantes. Tamén é imputable ao BNG o fariseísmo, xa que din defender o litoral e logo aproban a súa destrución, sacrificándoo a mans de determinados grupos financeiros, e sempre reproducindo os mesmos métodos que tanto criticaron dos seus antecesores do PP, só que agora ampliados por unha actitude sectaria, pensando que a Administración é súa, non dos cidadáns, créndose coas “chaves da verdade” e marxinando e atacando a todo aquel que discrepa.
Por estes motivos a Plataforma pide á cidadanía que vote en branco nas eleccións como expresión da repulsa ante o reprobable pacto de silencio político.

PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTES

quinta-feira, abril 26, 2007

ASEMBLEA POPULAR
SÁBADO, 28 DE ABRIL, 12:30
SALÓN DE PLENOS DO CONCELLO DE OUTES

NON AO VIADUTO NA NOSA RÍA.

NON Á VARIANTE DE OUTES

quinta-feira, abril 19, 2007

A PLATAFORMA ACUSA Á CONSELLEIRA DE MENTIR Á CIDADANÍA SOBRE A VARIANTE DE OUTES.

O VINDEIRO DÍA 28 TERÁ LUGAR UNHA ASEMBLEA ONDE SE PLANIFICARÁN NOVAS MEDIDAS DE PROTESTA

Tras o anuncio por parte da Conselleira de Política Territorial, Dona María José Caride de que ten previsto licitar a obra segundo di “unha vez solventados os problemas ambientais”:

A Plataforma quere lembrar que o grave impacto ecolóxico que esta obra provocará non foi en absoluto solucionado pola Consellaría, pois continúa prevista a destrución do espazo protexido do esteiro do Tambre en plena Rede Natura 2.000, cando ademais existen informes de Pesca que alertan de indicios de danos importantes nos cercanos bancos marisqueiros.

A Conselleira aínda non sabe explicar cál á utilidade pública desta obra que só implica un aforro de tres minutos no tráfico entre Muros e Noia, pero cun grave impacto ambiental e paisaxístico e non sabe dicir por qué non se valoran outras alternativas mellores. É o interese privado o que promove esta infraestrutura, pois non existe explicación dende o punto de vista da utilidade social.

A Conselleira tampouco explica o por qué nun momento determinado decide paralizar o proxecto do viaduto de Noia, no mesmo espazo protexido, e continuar co de Outes, porque as causas que motivaron esta decisión non se poden dicir en público.

A Plataforma quere denunciar o fariseísmo hipócrita do Presidente da Xunta, Sr. Touriño e da Conselleira Sra. Caride, pois tratan de enganar á cidadanía coa suposta protección do litoral e do medio, cando son eles mesmos os que activamente destrúen o medio ambiente e a costa sen ningunha contrapartida para a poboación, mesmo en zonas da Rede Natura.

A Plataforma chama á cidadanía á asemblea do día 28 ( Serra de Outes, 12:30, Casa da Cultura) para planificar unha resposta contundente ante esta agresión contra o medio ambiente e contra o pobo resultado do pacto de silencio das cúpulas dos partidos políticos coa especulación privada.

NON AO VIADUTO NA NOSA RÍA. NON Á VARIANTE DE OUTES.
PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTES
OUTES, 17 DE ABRIL DE 2.007