O VINDEIRO DÍA 28 TERÁ LUGAR UNHA ASEMBLEA ONDE SE PLANIFICARÁN NOVAS MEDIDAS DE PROTESTA
Tras o anuncio por parte da Conselleira de Política Territorial, Dona María José Caride de que ten previsto licitar a obra segundo di “unha vez solventados os problemas ambientais”:
A Plataforma quere lembrar que o grave impacto ecolóxico que esta obra provocará non foi en absoluto solucionado pola Consellaría, pois continúa prevista a destrución do espazo protexido do esteiro do Tambre en plena Rede Natura 2.000, cando ademais existen informes de Pesca que alertan de indicios de danos importantes nos cercanos bancos marisqueiros.
A Conselleira aínda non sabe explicar cál á utilidade pública desta obra que só implica un aforro de tres minutos no tráfico entre Muros e Noia, pero cun grave impacto ambiental e paisaxístico e non sabe dicir por qué non se valoran outras alternativas mellores. É o interese privado o que promove esta infraestrutura, pois non existe explicación dende o punto de vista da utilidade social.
A Conselleira tampouco explica o por qué nun momento determinado decide paralizar o proxecto do viaduto de Noia, no mesmo espazo protexido, e continuar co de Outes, porque as causas que motivaron esta decisión non se poden dicir en público.
A Plataforma quere denunciar o fariseísmo hipócrita do Presidente da Xunta, Sr. Touriño e da Conselleira Sra. Caride, pois tratan de enganar á cidadanía coa suposta protección do litoral e do medio, cando son eles mesmos os que activamente destrúen o medio ambiente e a costa sen ningunha contrapartida para a poboación, mesmo en zonas da Rede Natura.
A Plataforma chama á cidadanía á asemblea do día 28 ( Serra de Outes, 12:30, Casa da Cultura) para planificar unha resposta contundente ante esta agresión contra o medio ambiente e contra o pobo resultado do pacto de silencio das cúpulas dos partidos políticos coa especulación privada.
NON AO VIADUTO NA NOSA RÍA. NON Á VARIANTE DE OUTES.
PLATAFORMA CONTRA O VIADUTO E A VARIANTE DE OUTES
OUTES, 17 DE ABRIL DE 2.007